Noticias

Ponte Caldelas comeza a elaboración do seu Plan de Mobilidade Sustentable


08 febreiro 2019
Ponte Caldelas
Xardineiras na rúa da Igrexa en Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas disporá en breve do seu Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), un documento que é recomendado pola Federación Española de Municipios e Provincias e polo Goberno de España no marco das estratexias en materia de enerxía e medio ambiente e que mesmo xa é un requisito para acceder a determinados fondos da Unión Europea.

O PMUS, que se elabora no marco dunha subvención da Deputación de Pontevedra, xa está dispoñible en moitas cidades españolas e, paulatinamente, irá converténdose en obriga para os concellos que queiran acollerse a axudas dos distintos niveis das Administracións en materia de mobilidade, medio ambiente e desenvolvemento sustentable.

Os traballos xa están en marcha e afrontan a fase de participación social. Así, o Concello convocou unha Mesa de Mobilidade, un foro institucional e veciñal de debate no que se presentarán as liñas básicas de cara a elaboración do PMUS e na que participarán colectivos directamente involucrados. A cita é o próximo venres na Casa da Cultura.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) impulsa tamén a participación da veciñanza a través dunha enquisa que se pode cumprimentar anonimamente pola Internet a través da ligazón https://www.cognitoforms.com/PlanificacionTEC/MOBILIDADEPONTECALDELAS.

O PMUS analizará en profundidade a mobilidade dentro do territorio de Ponte Caldelas e buscará as alternativas máis sustentables, tanto ecolóxica como social e economicamente, procurando aumentar a eficiencia no sistema de desprazamentos e facilitar hábitos máis respectuosos co medio ambiente e que melloren o aproveitamento dos recursos. Ademais, trátase de facer a vila máis accesible a todas/os, reducindo as barreiras arquitectónicas e mellorando a relación entre o peón e o vehículo, así como o acceso aos transportes públicos.

Para conseguir isto estase a estudar, con distintas metodoloxías, o xeito en que a xente se despraza (a pé, en bicicleta, en vehículo privado ou no transporte público) e o modo en que se utilizan os espazos públicos. Todo isto, atendendo tanto ós desprazamentos dentro do concello como a outros concellos, e tanto ós que se fan para desenvolver as actividades diarias como os que teñen que ver co tempo de lecer. Analizaranse tamén os aparcadoiros, os problemas de seguridade viaria e a configuración das rúas,  incluíndo os  últimos cambios no mapa urbano de Ponte Caldelas, en tanto que soportes dos distintos tipos de mobilidade.

Toda esta información servirá para preparar estratexias e propostas concretas que pasarán a formar parte do PMUS.  O plan será unha guía para futuras actuacións e tamén para a busca de financiamento doutras Administracións. Así mesmo, os Plans de Mobilidade dos concellos da provincia serán recompilados e analizados pola Deputación de Pontevedra para elaborar estratexias conxuntas de mellora da mobilidade e de integración territorial a escala provincial.