Noticias

Ponte Caldelas comeza a prepararse para a IV Festa da Emigración, o evento gastronómico máis multitudinario

O evento chega cunha oferta de 12 pratos representativos da cociña internacional e co obxectivo de mantelo listón dos 20.000 pratos


09 xullo 2019
Ponte Caldelas
Festa do Inmigrante en Ponte Caldelas

A Festa Gastronómica da Emigración, o evento gastronómico máis multitudinario de cantos se celebran na bisbarra, chega esta fin de semana a Ponte Caldelas para alcanzar a súa cuarta edición.

A cita comeza durante a noite deste venres, día 12; o sábado, 13, terá servizo de comida e cea, con remate o domingo, día 14, co servizo de comida. Os asistentes terán a ocasión de degustar unha ampla variedade de 12 pratos representativos da cociña dos países relacionados coa emigración a un prezo de só 5 euros, incluíndo unha bebida.

O alcalde, Andrés Díaz, celebrou xa a xuntanza preparatoria cos establecementos de hostalería participantes e comezou a pechalos detalles dun evento no que se despachan preto de 20.000 pratos e polo que pasan ao longo de toda a fin de semana moito milleiros de persoas.

Na Alameda instalaranse mesas corridas e 1.200 cadeiras para dar cabida ao numeroso público que se achegará ata Ponte Caldelas nunha fin de semana na que se agarda tamén que o tempo axude. O Concello proporciona aos hostaleiros participantes os stands, dotados de tomas de auga e enerxía. Ademais ocúpase do servizo de recollida nas mesas.

A Festa Gastronómica da Emigración conta tamén co aliciente das actuacións musicais en directo a cargo da charanga "Alambique", o mariachi de Leonardo Flores, os grupos tradicionais "Nós tamén imos" e "Airiños da Fracha" e, finalmente, da batucada brasileira "Os Queimatasas". Ademais, as noites do venres e do sábado haberá espectáculo da Queimada Galega, seguido dunha degustación gratuíta.

Na Alameda repiten os establecementos de hostalería local, encabezados polo Mexicano de Tourón (cociña mexicana), Tapería Victoria (española), Casa 501 (cociña galega) Verdugolandia (uruguaia), La Terracita (portuguesa), La Tribu (cubana) e O Recanto (Estados Unidos). Estará tamén o Rodicio de Porteliña (Poio), representando á gastronomía brasileira, coa que Ponte Caldelas ten unha fonda relación. A relación complétase coa pescadería Virxe do Carme (cociña galega), Gaiteiro (galega) e o catering Valenciaga (cociña galega e italiana). Así será posible gozar de pratos como o bacalhau ao estilo Sá Gomes, picanha, tacos, polo á uruguaia, spaguetti á boloñesa, "hot dogs", paella, mexillóns en vinagreta, polbo á feira, navallas e ameixas, xurelos con pementos de padrón e mesmo mojitos ao estilo cubano.

A variedade gastronómica complétase cos exquisitos doces e empanadas que ofrecerán O Pan de San Antonio e o Alameda, polo que o postre está garantido.

Unha enquisa realizada o ano pasado entre os titulares dos 12 postos desta singular festa gastronómica saldouse cunha nota media de 9,5 sobre 10, o que demostra o nivel de satisfacción dos participantes nunha festa gastronómica sen comparanza, tanto pola variedade dos pratos a degustar como pola afluencia de público.