Noticias

Ponte Caldelas comeza a recuperala súa planta hoteleira coa apertura do hotel Reigosa

O establecemento, con 15 habitacións, sala de reunións e restaurante ofrece un cómodo aloxamento ás portas dos polígonos industriais


13 abril 2019
Ponte Caldelas
Apertura hotel Reigosa Ponte Caldelas

O hotel Reigosa, situado a carón dos polígonos industriais do Campiño e da Reigosa, xa abriu as súas portas. O local, rexentado pola empresa Galsur, ofrece un funcional aloxamento dirixido a un público profesional, pero sen renunciar tampouco ao sector puramente turístico ao estar situado nun punto estratéxico entre Pontevedra e Ponte Caldelas.

Á inauguración oficial, a cargo do xerente, Carlos Casas, acudiu o alcalde caldelán, Andrés Díaz, e tamén varios empresarios, así como veciños e persoas interesadas en coñecelas novas instalacións.

O hotel, completamente reformado, ofrece 15 habitacións dobres, unha sala de xuntanzas e cafetería-restaurante cun amplo comedor. As habitacións ofértanse en tres tipoloxías diferentes, dende unha VIP a outras con terraza exterior.

Carlos Casas subliñou que a súa empresa, radicada en Ourense, está en proceso de expansión pola costa e o centro da provincia de Pontevedra e explicou que decidiu apostar por Ponte Caldelas atraído polo pulo que está a experimentar este municipio, onde dentro de pouco tempo vai abrir unha Estación Termal que funcionará como un auténtico reclamo.

O plan de negocio apóiase tamén na intención de abrir unha colaboración constante co Concello de Ponte Caldelas, ofertando prezos competitivos de aloxamento para os participantes nos distintos eventos que programa a Administración municipal ao longo do ano.

O hotel Reigosa supuxo, ademais, unha oportunidade laboral para os cinco traballadores que compoñen o seu cadro de persoal.

O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está a constatar un renacer do sector hoteleiro en Ponte Caldelas, pois hai xa en trámite outra licenza de apertura para o segundo hotel no polígono da Reigosa, ademais dun moderno camping na Pousa (Caritel).