Noticias

Ponte Caldelas comeza as obras de colocación do novo céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia

O Concello cumpre cos compromisos coa SCD Ponte Caldelas e logra impulsar unha mellora valorada en 156.171 euros


13 agosto 2019
Ponte Caldelas
Campo de fútbol Chan da Barcia

O Concello de Ponte Caldelas iniciou hoxe as obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia. A empresa adxudicataria, Mecano Sport, traballará arreo co fin de ter rematados os traballos para o inicio da tempada, "ese será o obxectivo, que o 8 de setembro a SCD Ponte Caldelas teña o campo listo, como novo céspede colocado", afirmou nesta xornada o alcalde Andrés Díaz.

O Goberno local cumpre así cos compromisos adquiridos coa Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas e iniciou nesta xornada a substitución dun tapete de herba sintética que data de hai 13 anos e que foi recibido xa a comezos do anterior mandato coa vida útil esgotada, ao tratarse dunha primeira xeración deste tipo de material que, ademais, deteriorouse aceleradamente pola falta dun mantemento adecuado.

Para a colocación do novo céspede o concello realizará un investimento, 100 por 100 procedente das arcas municipais, de 156,171 euros. Con esta inversión Andrés Díaz quere amosar "que os seus compromisos se cumpren" e a súa "aposta polo deporte" en Ponte Caldelas.

A empresa adxudicataria, Mecano Sport, dispón dun prazo máximo de execución de 28 días, polo que as molestias para o club de fútbol serán mínimas e os novos terreos de xogo estarán pronto en disposición de seren utilizados.

A nova superficie de xogo do campo de fútbol terá unha vida útil de 20 anos ao estar confeccionada cos últimos adiantos tecnolóxicos e céspede homologado. Ademais, para garantir a súa durabilidade será sometida a un plan de tratamento, con limpezas periódicas e un tratamento integral anual.

As obras consisten no seguinte: na colocación dos 6.720 metros cadrados da nova alfombra, previa aplicación dunhas 40 toneladas de area de sílice e, finalmente, o reparto doutras 30 toneladas de caucho. A herba terá unha altura de entre 40 e 65 milímetros e a base elástica sobre a que se instalará dun mínimo doutros 10 milímetros.