Noticias

Ponte Caldelas comeza os cursos gratuítos de informática para os seus veciños

Este venes, 8 de novembro, comezan os cursos de informática na Casa da Cultura de Ponte Caldelas. A partir do 22 de novembro estes cursos comezarán a súa andaina polo rural. O obxectivo "é que cheguen a meirande parte das casas do pobo do concello de Ponte Caldelas"


06 novembro 2019
Ponte Caldelas
Aula informatica

Este venres 8 de novembro darán comezo os cursos gratuítos de informática para as veciñas e veciños de Ponte Caldelas. Un curso que nace da colaboración entre o Goberno Local e a empresa Aurea e que terá como fin, tal e como afirma o alcalde Andrés Díaz, que "todas as veciñas e veciños de Ponte Caldelas saiban manexarse en Internet, xa que na era da información, saber utilizar un ordenador é un servizo" por esta razón o Concello de Ponte Caldelas organiza en colaboración coa empresa Aurea Enerxía e Telecomunicacións SL, cursos de informática nos lugares e parroquias do concello de xeito gratuíto. Unha iniciativa pioneira en España e que segundo Díaz "amosa unha vez máis a miña aposta clara polo rural".  A empresa local Aurea encargarase da formación, impartindo estes cursiños, e o concello porá a disposición dos seus veciños os 12 ordenadores de ultima xeneracion que pasarán polas parroquias e pobos do concello co fin de ofrecer estes cursos de informática.

A primeira parada destes cursos será, este venres 8 de novembro, na Casa da Cultura de Ponte Caldelas. Un espazo onde xa hai 22 persoas anotadas o que significa que haberá dous grupos, un de 16:00 a 18:00 e outro de 18:30 a 20:30. As horas de formación son 4 en total, deste xeito, en Ponte Caldelas rematarán este curso de informática o vindeiro venres 15 de novembro no mesmo horario. A partir do 22 de novembro estes cursos de informática comezarán a súa andaina polo rural. Dende o Goberno Local lembran que para impartir este curso nas casas do pobo necesítase un mínimo de 12 persoas inscritas. As veciños e veciños interesados en inscribirse teñen que facelo no concello de Ponte Caldelas.  O único que teñen que facer para realizar este curso é anotarse no concello, dar o seu nome e idade e dicir a qué pobo pertence. O obxectivo deste curso é que pase pola maior parte de locais sociais ou casas do pobo de todo o concello.

Este primeiro curso levará como título "Internet básico no teu día a día, dende o computador". Será un curso destinado a todo aquel que precise adentrarse no mundo do ordenador, vai a estar centrado nun primeiro achegamento ao computador. Así o temario constará do primeiro contacto co computador, partes do ordenador, manexo do rato, sistema operativo, manexo de internet, como acceder a información a través dunha web, navegar con seguridade, a creación dunha conta de correo electrónico, a búsqueda de información a través da rede, trámites de administración pública e empresa, videoconferencias ou redes sociais.

O curso, lembramos, terá unha duración de catro horas en total e desenvolverase en dous días, dúas horas de formación cada día. O obxectivo deste taller será que o alumnado coñeza cómo poder usar Internet no seu día a día a través dos diferentes servizos que se ofrecen na rede.

A aula de novas tecnoloxías do concello, composta por 12 ordenadores, comezará partir do 22 de novembro a súa itinerancia polos pobos e parroquias de Ponte Caldelas. Un espazo que se converteu nunha realidade grazas aos  fondos europeos Leader, cofinanciada co Feader e no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

O alcalde está satisfeito coa acollida deste curso no caso urbano de Ponte Caldelas e sabe que esta formación "vai a ter unha gran aceptación entre as veciñas e veciños do rural". Díaz considera que deste xeito e unha vez máis o concello de Ponte Caldelas amosa que Goberna para todas e todos "sen distinción do lugar onde se resida".