Noticias

Ponte Caldelas conxela de novo todas os impostos e taxas municipais para o ano 2021

O Concello manterá un orzamento de 3,8 millóns de euros


25 setembro 2020
Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas conxelará no ano 2021 todas as taxas e impostos municipais para axudar á recuperación da economía dos veciños de Ponte Caldelas. Deste xeito, os contribuíntes do municipio pagarán a mesma cantidade nos seus recibos de 2021 que nos de 2020, seguindo así a política de conxelación  de  taxas  e impostos  posta  en marcha  coa  chegada  de  Andrés Díaz á Alcaldía de Ponte Caldelas en 2015. Continuando nesta liña de austeridade, o orzamento previsto  para 2021, que  se prevé aprobar  antes de final de ano, será "prudente"  e manterase nos 3,8 millóns de euros.  

Así, manteranse as  tarifas  no  Imposto  sobre  Bens  Inmobles  (IBI); o  Imposto  sobre Actividades Económicas (IAE); Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e o Imposto  sobre  Construccións,  Instalacións  e  Obras  (ICIO). Así mesmo,  os  veciños pagarán a mesma taxa nos recibos do lixo, da auga e do saneamento que recauda o Concello de Ponte Caldelas.  

O alcalde indica que no ano 2021 "os concellos imos ter unha reducción de ingresos por parte dos tributos do estado, pero non podemos facer pagar ós veciños esa reducción. En Ponte Caldelas teremos que  axustar o  gasto  a nivel municipal,  facer un esforzo importante, pero non imos tocar o bolsillo dos cidadáns".  

Os impostos e taxas levan sen subir en Ponte Caldelas dende 2016. Dende entón tamén se eliminaron as taxas por uso do pavillón municipal de Chan da Barcia, as das visitas á Área Arqueolóxica de Tourón; reduciuse o custo da auga ao pasar de 10 a 18 metros cúbicos ó mes por vivenda; eliminouse a viñeta para os vehículos de máis de 25 anos e, nos  últimos  meses, tamén  se eliminaron outras  sete taxas  de  certificados  e outros documentos administrativos.