Noticias

Ponte Caldelas declarará a ineficacia da solicitude de licenza para unha sala de velorios ao lado do Concello

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, entrevístase con Andrés Díaz e transmítelle a súa vontade de colaborar para solucionar o conflito social


22 marzo 2019
Ponte Caldelas
Arcebispo

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asinou esta mañá unha providencia pola que inicia o procedemento para declarar a ineficacia da solicitude de licenza, presentada por unha funeraria, para o acondicionamento e apertura dun local como sala de velorios na chamada "Casa das Catequeses", un edificio apegado á Casa do Concello e que mesmo foi de propiedade municipal ata 1972.

O acto concede un prazo de audiencia de 10 días á firma solicitante, Sepelios San Marcos S.L.U., que foi notificada esta mesma mañá. Unha vez concluído o trámite, resolverase a través dun decreto asinado polo alcalde. A declaración de ineficacia, que invalida a solicitude de licenza, fundaméntase na cualificación urbanística do inmoble, que aparece nas Normas Subsidiarias de Ponte Caldelas, do ano 1992, dentro dun polígono destinado a "equipamentos" e vinculada á Casa do Concello, coa que forma un "conxunto edificatorio" cualificado para usos administrativos.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) xa anticipou esta posibilidade, en base aos informes técnicos emitidos, na asemblea aberta coa veciñanza de Ponte Caldelas. Naquela xuntanza quedou claro o rexeitamento social.

Por outra banda, Andrés Díaz, entrevistouse esta mesma mañá co arcebispo de Santiago, Julián Barrio, para expresarlle o malestar do Concello e da veciñanza de Ponte Caldelas polo alugueiro deste inmoble, titularidade do Arcebispado, á empresa funeraria. Existe un amplo consenso en contra desta iniciativa, ao entender que non é o lugar adecuado para unha sala de velorios.

A entrevista na sede do Arcebispado, en Santiago de Compostela, transcorreu nun ambiente de cordialidade. Comezou cunha manifestación do arcebispo lamentando o conflito social suscitado e expresando que nunca foi a súa intención crealo. Máis aínda, a Igrexa ten interese en resolvelo canto antes porque, subliñou, sempre pon por diante os fins sociais á rendibilidade económica que poida xurdir do alugueiro dun inmoble concreto.

O arcebispo remarcou o seu respecto pola potestade administrativa e as competencias urbanísticas do Concello para adoptar as resolucións que estime máis cinguidas aos intereses xerais de Ponte Caldelas. Neste contexto adiantou tamén a súa vontade de colaborar co Concello nun futuro moi próximo para destinar a Casa das Catequeses a usos administrativos e/ou sociais que redunden en beneficio da comunidade.

Andrés Díaz agradeceu a boa vontade do arcebispo e avogou por unha resolución satisfactoria para tódalas partes dun conflito que non tería que terse producido nunca. Por este motivo, e para tratar de pechalo definitivamente pola vía do diálogo, con independencia das decisións administrativas que se están a formalizar dende o Concello, manterá tamén unha xuntanza en datas próximas cun representante da empresa funeraria.