Noticias

Ponte Caldelas entrega na Xunta de Galicia o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal

O Concello dá o paso a un ano das Eleccións municipais, ao considerar inviable seguir cunhas Normas Subsidiarias de hai máis de 25 anos


27 abril 2018
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas entrega na Xunta de Galicia o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal

O Concello de Ponte Caldelas presentou diante da Xunta de Galicia o borrador de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do municipio, un documento co que pretende poñer fin ás Normas Subsidiarias de hai máis de 25 anos e aprobar a primeira ordenación urbanística desenvolvida expresamente para Ponte Caldelas.

O equipo de Goberno tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) retoma así o frustrado Plan de 2006 do anterior goberno municipal, "no caixón" dende entón tralo duro informe preliminar da Xunta de Galicia. Ademais, foi necesario adaptarse aos numerosos cambios na Lei do Solo e a entrada en vigor de varios plans sectoriais (entre eles as Directrices de Ordenación do Territorio) producidos nestes anos, o que obrigou a refacelo por completo.

O alcalde, Andrés Díaz,  destaca que o PXOM, presentado nun formato DVD que contén catro tomos de documentación e centos de planos, pretende concluír un traballo que o Concello de Ponte Caldelas encargou ao equipo redactor ADIU SLP xa no ano 2000. O responsable da consultora, Carlos Rosón,  foi o encargado da entrega por Rexistro.

Díaz recalca que Ponte Caldelas necesita crecer no seu centro urbano, onde os polígonos existentes levan parados moitos anos, e tamén racionalizar uns núcleos rurais cuxa delimitación nas Normas Subsidiarias ten pouco que ver coa realidade física. Ademais, subliñou que a presentación dun borrador de PXOM a un ano dunhas Eleccións municipais é un novo acto de valentía deste Goberno local ben coñecido pola súa constante actividade para sacar adiante os asuntos estratéxicos para o futuro de Ponte Caldelas.

A Xunta de Galicia dispón agora dun prazo de tres meses para emitir o seu informe previo. Unha vez corrixido e adaptado o documento poderá ser aprobado inicialmente polo Pleno. Entón será sometido a exposición ao público durante dous meses, resolveranse as alegacións e chegará a aprobación provisional polo Pleno. O PXOM será entón remitido novamente á Xunta de  Galicia, que é a quen lle corresponde a aprobación definitiva.

O PXOM prevé un  crecemento dun 60% da edificabilidade existente na actualidade.  Isto tradúcese en 1.500 novas viviendas en bloques residenciais e un total de 3.400 parcelas destinadas a vivendas unifamiliares.

O novo PXOM introduce 181.861 novos metros cadrados edificables no centro urbano, equivalentes a 1.455 vivendas. Con respecto ao chan urbano non consolidado prevese unha nova bolsa de 21.224 metros  cadrados, o que xerará, unha vez urbanizados, 18.040 metros cadrados edificables, equivalentes a outras 140 vivendas.

En canto ao solo urbanizable está reservado aos usos industriais e, por tanto, á xeración de emprego. Contémplase no PXOM, un incremento de 764.560 metros cadrados para este uso, tanto para ampliación do existente como  para regularización do que está fóra  de ordenación xa na actualidade.

En canto os equipamentos prevese, unha vez aprobado o PXOM, un total de 206.632 metros cadrados de chan, mentres que as zonas verdes dentro do solo urbano alcanzarán os 22.144 metros cadrados, que soben ata 252.875 metros cadrados se temos en conta todo o termo municipal.

Un dos sinais de identidade deste PXOM  é o estudo pormenorizado que o equipo redactor  realizou dos actuais asentamentos. Detectouse que moitos dos terreos nos que se prevía a construción residencial non eran os adecuados, ben pola súa topografía, orientación ou por dispoñer de valores a protexer. Máis aínda  cando coa nova Lei do Solo cambiou a  tipificación dos núcleos rurais. O novo plan caracteriza todos estes núcleos de  acordo coa realidade física actual e delimita as bolsas de chan que permitan a legalización das actuais edificacións e a construción doutras novas. A capacidade residencial prevista nos solos de núcleo rural é de 3.472 parcelas (2.908 situadas en núcleos tradicionais e outras 564 en núcleos comúns).

Con respecto ao solo rústico, propúxose unha redefinición para  adaptalo aos ricos valores ambientais e paisaxísticos de Ponte Caldelas, que agora non están ben protexidos. Con elo preténdese potenciar a actividade turística e de lecer do municipio.

Finalmente, o  PXOM inclúe o catálogo actualizado de todo o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico de Ponte Caldelas, incorporando novos elementos que non estaban recollidos nas Normas Subsidiarias.