Noticias

Ponte Caldelas inicia mañá o reparto a domicilio municipal gratuíto para oito locais de hostalería

Será de luns a domingo entre as 13.00 e as 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas e un operario encargarase do reparto entre semana. As ¿ns de semana reforzarase o servizo


10 novembro
Ponte Caldelas

Apoiar a hostalería de Ponte Caldelas de xeito firme e directo, ese é o obxectivo do Concello de Ponte Caldelas que mañá mércores inicia o servizo de reparto a domicilio municipal gratuíto para os oito locais de hostalería do Concello que terán dispoñible o servizo de comida para recoller ou de entrega a domicilio. Trátase de apoiar un sector do que viven preto de 60 familias do municipio.

Deste xeito, o Concello de Ponte Caldelas entregou táperes a todos os establecementos e, ademais, asumirá o servizo de reparto a domicilio durante este mes. Será un operario municipal o que se encargue de recoller os pedidos e entregalos no domicilio, un servizo que funcionará de luns a domingo entre as 13.00 e as 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Ante a posibilidade de que as fins de semana se incremente o número de pedidos, reforzarase o servizo os sábado e domingos.

O servizo de entrega a domicilio municipal funcionará en Ponte Caldelas e nos concellos da contorna: A Lama, Fornelos de Montes, Soutomaior, Pontevedra e Cerdedo- Cotobade. O Concello elaborou un folleto informativo con todos os locais que terán comida para levar no que se indican os teléfonos do establecemento, a dirección e algúns dos pratos que ofrecen, toda vez, que a carta é máis amplia e pode consultarse chamando ó local en cuestión.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recalca a importancia "de apoiar á hostalería local nun momento duro como o actual. É o segundo peche do ano, o segundo en cuestión de meses, e debemos apoiar os negocios do noso concello. Ponte Caldelas debe demostrar unha vez máis que é un pobo solidario e sei que o imos facer".