Noticias

Ponte Caldelas pon en marcha o seu Plan de Autoprotección nas Festas das Dores

O Concello maximiza a seguridade nas Festas das Dores coa posta en marcha, un ano máis, do seu Plan de Autoprotección


21 agosto 2019
Ponte Caldelas
Festas das Dores de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas continúa co seu Plan de Autoprotección para as Festas das Dores. O  Goberno municipal adxudicou este traballo á empresa Prevención Integral de Emerxencias (Previnem), que ademais da elaboración do Plan ocúpase da parte de enxeñería relacionada coa inspección técnica de elementos como escenarios, instalacións eléctricas e todo tipo de atraccións de feira.

Os responsables de Previnem determinaron os riscos posibles na festa das Dores, establecendo ademais as medidas para facerlles fronte, incluída a posible evacuación en caso de emerxencia importante. Tamén estimaron a dotación sanitaria necesaria para estas festas nunha ambulancia de tipo B (con dous técnicos).

Por outra banda, fíxose unha comunicación previa aos servizos de emerxencias sobre as posibles incidencias que se poden producir, con indicación expresa das vías de acceso e de  evacuación, todo elo co obxectivo maximizar o esforzo de coordinación.

En canto á inspección de instalacións compróbase o cumprimento de todas as normativas  sectoriais aplicables, existencia de certificados de idoneidade e documentación técnica de cada instalación, incluída a adecuación da montaxe sobre o terreo. Revísase tamén a cobertura e vixencia das pólizas de seguros, a existencia e estado dos extintores e, finalmente, aspectos como a seguridade do público nas zonas de circulación.

O traballo non remata aí, pois os técnicos de Previnem tamén estarán presentes nos momentos de maiores aglomeracións nas Festas das Dores, como no Caldelas Xoves ou nas actuacións das orquestras Olympus e o Combo Dominicano, co fin de controlar e garantir o cumprimento do Plan de Autoprotección e coordinar calquera posible emerxencia que se puidera producir.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, deixa claro que o risco cero non existe, pero subliña que os concellos, así como as comisións  de festas parroquiais, dado que teñen toda a responsabilidade se sucede algo, deben ser estritos no cumprimento da Lei de Espectáculos. "Unha norma que, a pesar de ser moi esixente",  destacou, "era tamén moi necesaria, pois os galegos  somos moi dados ás lamentacións, pero moi pouco á prevención".