Noticias

Ponte Caldelas prepara as súas emendas ao proxecto de Orzamentos da Xunta para 2020

O Goberno Local reclama partidas específicas para o saneamento do rural, pide que se especifique á dotación da terceira fase da PO 234, Casa da Quintán, , Centro de Saúde e "pasos" de Taboadelo


27 outubro 2019
Ponte Caldelas
Orzamentos

O borrador de Orzamentos da Xunta de Galicia para  2020 deixa sen resolver moitos dos asuntos, competencia do Goberno autónomo, que seguen pendentes en Ponte Caldelas. Diante desta circunstancia, o Goberno local xa está traballando na preparación das súas propostas de emendas a estas contas. A meirande parte das emendas recollen asuntos veñen arrastrándose de anos atrás sen ser atendidos pola Xunta, a pesar de ter sido reclamados reiteradamente diante dos respectivos conselleiros ou do presidente galego.

A principal eiva é a carencia de rede saneamento na maior parte dos núcleos  do rural. Así,  cun importe total duns 6 millóns de euros, reclámanse os saneamentos de  Laxoso, A Fraga, Caritel, Forzáns, Aluncía, Esfarrapada, Anceu, Barbudo, Rebordelo, Regodobargo, Chaín, A Insua, A Roca, Coveliño, Parada, Contixe, Mirón, A Pousa, A Sorreira, Portasouto, Baltar (terceira fase) e Avecil-Cuñas (terceira fase). Andrés Díaz asegura que "nunca reclamamos grandes investimentos para o noso pobo, pero o saneamento é moi necesario, máis da metade do noso pobo está sen saneamento". Neste punto o alcalde quixo lembrar que a Xunta creou unha taxa, coa Lei de Augas, para inverter en saneamentos "a inversión é claramente aleatoria, a última inversión que se fixo en Ponte Caldelas foi hai 5 anos na Reigosa, e dende entón non se fixo nada máis".

En relación á PO 234, os orzamentos da Xunta establecen a cantidade de 1.441.937 para tres estradas a PO 234, a PO 235 e a PO 230, o alcalde solicita que se detalle qué partida irá destinada á terceira fase da PO 234 que vai dende a recta de Laxoso ata Portasouto. Díaz lembra que para esta fase se calculara un investimento de 600 mil euros pero nos orzamentos non está desglosado.

A seguinte reclamación é a apertura e posta en funcionamento da Casa da Quintán como centro  de maiores ou centro mixto de maiores  e persoas con discapacidade intelectual, para o que se solicita unha partida de só 100.000 euros, toda vez que o edificio está rehabilitado dende hai 10 anos.

A reparación e posta en valor dos pasos tradicionais  de Taboadelo, sobre o río Verdugo, é a seguinte cuestión recollida, cun orzamento de 60.000 euros con cargo a Augas de Galicia.

Finalmente, proponse unha actuación de ornato interior e adecuación do Centro de Saúde, que atópase moi abandonado e, por este motivo, suscita numerosas queixas entre a veciñanza. O custo desta actuación é estimado noutros  60.000 euros.

O Concello lamenta  que nestes  máis de 4 anos de mandato municipal a Xunta de Galicia non teña acometido practicamente nin unha soa  obra ou actuación directa en Ponte Caldelas, exceptuando unha fase da estada PO-234 que está en execución, e porque os veciños chegaron a constituír unha Plataforma e incluso a manifestarse ata en dúas ocasións.