Noticias

Ponte Caldelas soluciona un complicado acceso a oito vivendas da parroquia da Insua

A vía, situada nunha pronunciada pendente, estaba moi deteriorada, dificultando o paso dos vehículos


03 decembro 2018
Ponte Caldelas
Mellora de camiño en Ponte Caldelas

O Plan de Obras no rural do Concello de Ponte Caldelas permitiu solucionar un complicado acceso a un grupo de oito vivendas situadas a carón da Carreira Ancha, na parroquia da Insua. Tralos traballos de formigonado do acceso, agora ofrece unha accesibilidade en condicións adecuadas para a veciñanza.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) optou por pavimentar en formigón rugoso para garantir unha boa adherencia aos vehículos, toda vez que este acceso é o único co que contan as vivendas situadas nesta zona. O vello pavimento asfáltico estaba completamente levantado e con numerosas pedras soltas.

O traballo, que abrangue máis de 200 metros, permitiu tamén mellorar a entrada ao camiño dende a estrada provincial que vai a Chaín, que se encontraba especialmente levantado e presentaba dificultades para o xiro.

O Concello prioriza as obras de mellora dos accesos polos que, diante da súa anchura, non transita un vehículo de emerxencias, que presentan un moi deficiente estado de conservación ou que padecen serios problemas de acumulación de augas pluviais.