Noticias

Ponte Caldelas visita o Edén, un espectáculo teatral de raíces medievais sobre os sete pecados capitais

A compañía francesa Teathre Jaleo chega coa súa caravana e a súa montaxe artesanal para sorprender cunha proposta única


11 xullo 2019
Ponte Caldelas
Teatro Jaleo

A compañía francesa Theatre Jaleo fai parada en Ponte Caldelas os próximos martes, día 23, e mércores, día 24, para representar Edén, a súa última produción, en torno aos sete pecados capitais. Un espectáculo único no que a interpretación mestúrase cos títeres, as máscaras e a música.

Jaleo chegará coa súa caravana, de aires medievais, para montalo seu propio teatro, con capacidade para 100 espectadores, na explanada de Chan da Barcia. Un auténtico recinto de madeira, de inspiración clásica, e que rende homenaxe á tradición do cómico itinerante.

As entradas para a obra, apta para tódolos públicos, poderán adquirirse en "taquilla" antes do espectáculo ao prezo de 5 euros. As dúas representacións comezan ás 22.30 horas.

A compañía, nacida en 2017, está composta pola bailarina Alice Alban-Zapata e o actor Arnaud Vidal. Eles dous, coa  axuda dun técnico, poñen en escea Edén, que definen como un cabaret para unha bailarina, 9 títeres e 7 pecados capitais. No seu fermoso escenario circular ao aire libre entrelázanse sete historias como sete actos, cunha duración aproximada dunha hora. Personaxes coloridos intentan, en van, ocultar as súas paixóns secretas e máis escuras. Un intento inútil, pero profundamente humano.

A obra agocha tamén o interese de comprobar como só tres persoas son quen dun despregue moi visual e efectista, no que predominan os elementos artesanais tal e como se facían na Idade Media, dende a propia montaxe do escenario, á elaboración dos títeres e ás mascaras e á propia escenografía.

A compañía francesa está de xira por España, onde ten pasado por diversas localidades, pero adoita tamén actuar en festivais de Francia e Portugal.