Noticias

Posponse a BTTroita por alerta amarela

A proba posponse para o 27 de outubro. Concello e organización deciden o cambio de data para garantir a seguridade dos participantes


11 outubro 2019
Ponte Caldelas
BTTroita

O Concello de Ponte Caldelas e a empresa Global DxT decidiron esta tarde pospoñer a BTTroita deste domingo para o 27 de outubro. A razón, a alerta amarela decretada para este 13 de outubro. Tanto o concello como a empresa organizadora consideran que o cambio de data é necesario para garantir a seguridade dos participantes.

Dende a empresa organizadora enviarán nesta tarde un mail a todos os participantes anunciando o cambio de data, debido á alerta amarela. Dende Globa DxT xa anunciaron que os que continúen interesados en participar se mantén todo tal cual está, e os que non poidan asistir nese 27 de outubro se lles devolverán o diñeiro da inscrición.

A inscrición desta proba pechouse na noite do mércores con 231 participantes. A proba desenvolverase do mesmo xeito o 27 de outubro, dende a organización e  concello insisten en que será todo igual, o único que se cambia é a data pola alerta amarela deste domingo.

Dende Globar DxT lembran que a gran novidade deste ano é que a proba contará con dúas rutas, unha longa, a BTTTroita Plus de 47 quilómetros e outra máis curta, a BTTroita de 38 quilómetros. Os participantes poderán decidir durante a proba, é dicir "en ruta", que percorrido facer, xa que cando cheguen a Cruz do Brasil haberá voluntarios que indicarán o camiño a seguir para facer a proba curta ou a longa. No caso de facer a proba máis curta seguirán o percorrido establecido, e os que prefiran facer a BTTroita Plus farán 9 quilómetros por monte e continuarán co mesmo percorrido. Dende a organización aseguran que a proba longa "é moito máis divertida".

O percorrido segue a ter como punto de saída e chegada a Alameda de Ponte Caldelas e inclúe o paso polos montes de Cuñas, Paradela, Parada, O Verdugo, Cristo Rei, Baltar, Chan do Casal e regreso pola zona do río.

A proba contará dúas zonas con avituallamentos en ruta e unha ampla "fun zone" na Alameda para acoller aos "bikers" ao remate da proba.

Dende o Goberno Local apostan por seguir reforzando esta proba, que conta xa cun ben gañado prestixio e goza dun oco propio no calendario dos afeccionados á bicicleta de montaña. Ademais Andrés Díaz deixou patente a súa aposta por este deporte, xa que Ponte Caldelas foi o primeiro concello que amosou o seu apoio e formará parte dunha nova edición da Epic Race. Unha cita que se celebrará os días 29,30 e 31 de maio do 2020, a chegada a Ponte Caldelas será o día 30, coincidindo coa celebración da Festa da Troita co cal "o bo ambiente estará asegurado".