Noticias

Reanúdanse os cursos de Informática básica no rural logo das vacacións de Nadal

Este venres, de 16.00 a 20.00 horas, retómanse as clases no lugar de Tourón


07 xaneiro 2020
Ponte Caldelas
Curso informática

Logo das vacacións de Nadal, volven os cursos de Informática Básica ao rural de Ponte Caldelas. E farano no lugar de Tourón, onde este venres, de 16.00 a 20.00 horas se celebrará un novo curso para achegar a informática a todos os veciños que se inscribiron previamente. Serán máis de doce persoas as que participen nesta nova andaina polo rural dun curso "que está a ter moi boa acollida e que completou plazas en todos os lugares de Ponte Caldelas nos que se desenvolveu", destaca o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

 Os cursos de informática iniciáronse na Casa da Cultura de Ponte Caldelas no mes de novembro, onde houbo tres sesións. No percorrido polo rural, o curso achegouse a Taboadelo (onde houbo dúas sesións) Vilarchán e Anceu.

A formación, que ofrece o Concello de Ponte Caldelas en colaboración coa empresa local de telecomunicacións Aurea Telecom, é totalmente gratuita e está destinada a todos os públicos. Busca ofrecer unhas nocións básicas no manexo dos ordenadores, aportando tamén coñecementos sobre correo electrónico, redes sociais ou cuestión tan útiles como pedir unha cita médica ou un permiso de queima a través de Internet.