Noticias

Solución aos problemas de augas pluviais no camiño dos Martices, en Baltar

O Concello instala rede de recollida dun dos núcleos máis habitados de Ponte Caldelas


05 marzo 2019
Ponte Caldelas
lugar de Martices, en Baltar

A veciñanza do lugar de Martices, en Baltar, xa non terá que poñer botas de goma para transitar por un dos seus principais camiños nos días de choiva. O Concello vén de rematar unha obra de instalación de rede de pluviais que pon fin a esta inconveniencia.

A obra, cunha traza de case 200 metros, recolle as augas pluviais que baixan pola pendente, dende un antigo pozo de rego, ata o remate do camiño. Non só se recollen as augas de choiva, senón tamén as baixantes dos tellados de tódalas casas que dan a esta vía pública.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) cumpre así co compromiso alcanzado coa veciñanza que ten reclamado esta ocasión reiteradamente ao longo dos últimos anos. A obra contou coa dificultade da existencia de pedra firme nalgún punto, dificultando así a instalación da tubaxe.

Nos últimos tempos, o Concello procedeu tamén á limpeza do pozo de rego, que conta tamén cunha pequena fonte moi utilizada para abastecerse de auga.

Ademais, hai escasas semanas colocouse unha grella na pista principal de Baltar para solucionar tamén os asolagamentos nesta zona.