Un investimento de máis de 700.000 euros da Deputación en tres grandes obras, novo paso para que Ponte Caldelas “estea aínda máis guapa”

Carmela Silva visita as obras que veñen de rematar na avenida de Vigo e no aparcamento central, así como o comezo dos traballos na nova praza de Frei Antonio Orge

09/08/2022

Visita Ponte Caldelas

As obras que veñen de rematar na avenida de Vigo e no aparcamento central, con financiamento da Deputación a través do Plan Concellos, así como a gran actuación da nova praza de Frei Antonio Orge, incluída dentro do plan provincial ReacPon, recibiron hoxe a visita da presidenta Carmela Silva, acompañada do alcalde, Andrés Díaz, e membros da Corporación municipal e do deputado de Cooperación, Santos Héctor. As tres actuacións supuxeron un investimento total de 702.924 euros por parte da Deputación e, en palabras de Carmela Silva, “van poñer a Ponte Caldelas aínda máis guapa do que xa está”.

Na avenida de Vigo (a rúa do balneario) comprobouse o resultado dunha humanización coa que se gañou espazo peonil e zonas verdes, á vez que unha ampla batería de aparcamento gracias á súa conversión nunha vía dun sentido.  A obra, cun orzamento de 439.389 euros contou con fondos FEDER dun 79,2% mentres que a Deputación completou o 20,8% restante a través do Plan Concellos (134.911 euros). A continuación, Carmela Silva tivo ocasión de visitar o novo aparcamento central situado detrás do edificio da ludoteca e a escola infantil, onde se habilitou unha zona de estacionamento rotatorio combinado cunha zona verde gracias a outra achega do Plan Concellos de 77.047 euros. Finalmente, houbo ocasión de comprobar o inicio das obras da praza de Frei Antonio Orge, que creará un novo espazo de centralidade urbana, gracias aos 493.966 euros que achega a Deputación a través do plan ReacPon e que completa co propio Plan Concellos.

Carmela Silva afirmou que “non hai quen recoñeza a Ponte Caldelas; non é unha frase feita nin un tópico; non hai máis que vir aquí e comparar como era Ponte Caldelas hai 7 anos co que é agora. Estou gratamente sorprendida do impacto do cambio e a transformación”. A presidenta agradeceu ao alcalde o seu empeño “en ter continuamente ideas, por promover proxectos para o concello, pero tamén para o conxunto da provincia”. “Os alcaldes e as alcaldesas, particularmente o alcalde de Ponte Caldelas, están cheos de iniciativas, de paixón polo seu pobo”, indicou. Ademais, a presidenta expresou a súa satisfacción de poder financiar estas actuacións xunto, como sucede neste caso, con fondos europeos canalizados a través do Goberno de España. Por todo elo, fixo unha chamada para que “outras administracións teñan a mesma sensibilidade con Ponte Caldelas”.

O “proxecto estrela” da estación termal

O alcalde agradeceu á presidenta provincial o apoio constante para que Ponte Caldelas continúe desenvolvendo o seu proxecto municipal: “gracias aos fondos da Deputación podemos, pouco a pouco, ir transformando o noso concello, que boa falta lle facía!”. Ademais aproveitou a visita para amosar a Carmela Silva as infografías do proxecto da estación termal que o Concello quere construír nos terreos do antigo Balneario, a carón da capela de San Roque, un espazo hoxe degradado despois do estoupido da burbulla inmobiliaria que deixou unha mole de formigón a medio construír nas beiras do río Verdugo durante unha anterior etapa municipal. “É o noso proxecto estrela, a nosa ambición e a nosa obsesión, polo que non descansaremos ata recuperar o noso protagonismo como vila termal”.

A presidenta provincial amosouse moi interesada co proxecto, que xa está redactado, e revelou que Andrés Díaz mantivo hai poucos días unha xuntanza coas responsables da área de turismo na Deputación “para falar deste espectacular proxecto do balneario de Ponte Caldelas”. Anunciou que hai unha convocatoria inminente de fondos Next Generation destinados ao turismo termal e que xestionará a Xunta de Galicia. Por elo anunciou que a Deputación, da man da rede provincial de concellos termais, presentará un proxecto. “Sentaremos cos alcaldes e alcaldesas das vilas termais para poder ir avanzando de cara a presentar ese proxecto. Cremos no turismo sostible e a posta en valor das augas termais conecta con tódolos obxectivos do turismo sostible e tamén coa Axenda 2030”.

Carmela Silva rematou destacando que a veciñanza sempre considera ao seu pobo como  “o mellor do mundo, pero en Ponte Caldelas a xente pode dicilo con motivos”. “Encántame o que deseñaches para aquí, a recuperación de todo este espazo, e estou segura, alcalde, senón é de unha forma será doutra, que mais pronto que tarde veremos o balneario construído. Estás sendo capaz de converter en realidades tódalas demandas históricas de Ponte Caldelas”, concluíu.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.