Noticias

Xornadas de iniciación aos petróglifos de Ponte Caldelas

A Citania e o concello de Ponte Caldelas organizan dúas xornadas de traballo para a mocidade (14 a 30 anos) asociadas coa arte rupestre


10 setembro 2019
Ponte Caldelas
Xornada petroglifos Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas informa de que xa está aberto o prazo para inscribirse nesta "Busca do Tesouro de Tourón". Unha "búsqueda" que terá lugar a vindeira fin de semana, os días 20 e 21 de setembro, e que organiza A Citania en colaboración co concello de Ponte Caldelas. Unha cita que ten como obxectivo clave, segundo o alcalde, "recoñecer o patrimonio arqueolóxico e a arte rupestre do concello". Dende a outra entidade organizadora, dende A Citania, tamén destacan que esta actividade pon en relación á mocidade co deporte, a natureza, as novas tecnoloxías, o divertimento…

Estas xornadas de iniciación aos petróglifos de Ponte Caldelas terán lugar na Área Arqueolóxica da Arte Rupestre de Tourón os días 20 e 21 de setembro. Serán dúas xornadas de traballo para a mocidade (de 14 a 30) asociadas coa arte rupestre. Os interesados en inscribirse poderán facelo de balde, ata o día antes de cada actividade, a través do teléfono 600 381 782. Dende A Citania informan ademais de que os menores poderán ir acompañados dun familiar ou titor.

As xornadas desenvolveranse do seguinte modo. O venres 20 de setembro ás 19:00 terá lugar un obradoiro onde o alumnado recibirá orientacións teóricas e prácticas sobre a interpretación do Patrimonio Cultural Arqueolóxico, cunha especial incidencia nos gravados rupestres galegos e especialmente os localizados no Concello de Ponte Caldelas. Unha actividade que terá unha duración aproximada de dúas horas.

Xa na xornada do sábado 21 terá lugar o XEOCOACHING (rastrexo), na busca de petróglifos. Será unha actividade onde os participantes terán que ir atopando diferentes pistas a través do percorrido polos petróglifos de Tourón e na compaña dun móbil de última xeración. Nesta proba haberá ademais premios para os mellores, os grupos, que localicen os tesouros agochados en menor tempo. Haberá un primeiro premio valorado en 150 euros, un segundo valorado en 100 euros e un terceiro en 50 euros. Os tres premios, poderán ser canxeados por produtos de papelería e libros nunha libraría de Ponte Caldelas. Esta actividade de Xeocoaching comezará ás 10:00 e terá unha duración aproximada de 3 horas, pero tal e como din dende a organización " todo dependerá da rapidez e destreza de cada equipo". Nesta proba, dende A Citania, lembran que os menores poderán ir acompañados dun pai/nai/titor e contará cun máximo de 7 grupos co fin de garantir o bo desenvolvemento desta "Búsqueda do Tesouro de Tourón".

Dende o concello lembran, unha vez máis, que os interesados en inscribirse en cada unha destas actividades, totalmente gratuítas, poden facelo a través do teléfono 600 381 782.