Noticias

Xornadas de xestión do monte veciñal en Ponte Caldelas

O Distrito Forestal XIX realizará en colaboración co concella estas xornadas destinadas, principalmente, aos comuneiros de Ponte Caldelas


09 outubro 2019
Ponte Caldelas
Xornadas de xestión do monte veciñal

O concello de Ponte Caldelas e Distrito Forestal XIX presentaron no concello as xornadas técnicas "XESTIÓN DO MONTE VECIÑAL". Unhas xornadas que terá lugar os días 16,18 e 19 de outubro. O obxectivo destas xornadas é o de concienciar aos comuneiros dos valores do monte e da importancia do monte veciñal en man común. Concienciar na xestión sustentable do monte para protexer a biodiversidade, obter rendibilidade e prever os incendios forestais.

Os interesados xa poden realizar de xeito gratuíto a súa inscrición no concello de Ponte Caldelas ou enviando os seus datos e o nome e lugar das xornadas ao mail distrito.forestal19@xunta.gal. Toda a información sobre estas charlas tamén a poderán adquirir no teléfono 886 159 587. Dende a organización lembran que o aforo é limitado é que a reserva de prazas irá por orde de inscrición. O aforo será de 25 persoas aproximadamente.

Estas xornadas terán lugar os días 16, de 16:00  20:00, e o 18 de outubro, de 16:00 a 20:30, no Centro Cultural de Ponte Caldelas. Os dous primeiros días serán máis teóricos analizando as características dos montes, os principais valores, tipos de superficie, o monte veciñal en man común, a problemática dos incendios forestais nos montes do lugar ou parroquia da que se trate, a xestión técnica do monte veciñal en man común ou medidas de prevención de incendios serán soamente algúns dos asuntos que se traten nestas xornadas. Xa no terceiro día, o 19 de outubro, o horario será de mañá, de 8:00 a 14:00, e será unha xornada máis práctica onde haberá un desprazamento en autobús á Comunidade de Montes Veciñais de Meira, en Moaña, un exemplo de xestión multifuncional dos seus recursos: madeira, pastos e outros aproveitamentos, na que se fixa o emprego  rural e na que se fan reinvestimentos no monte.

Os principais destinatarios destas xornadas son os membros das xuntas provisionais, xuntas reitoras e demais comuneiros das comunidades de montes de Pontevedra e Ponte Caldelas. Ademais dende a entidade organizadora lembra que o persoal técnico con interese no eido forestal, traballadores de empresas forestais e de medio ambiente, mozos e mozas agricultores que non teñan cumpridos os 41 anos, mulleres do medio rural de máis de 41 anos, persoas que se incorporen ao sector primario maiores de 41 anos ou agricultoras e agricultores en activo.

Dende o Goberno Local consideran que se tratan de xornadas moi importantes "o coidado do noso monte é fundamental nun concello como o de Ponte Caldelas".

A maiores dende o Distrito Forestal XIX organizarán unha nova xornada centrada na Divulgación da Lei de Prevención de incendios especialmente dirixido as distancias, destinada ao mesmo sector. Esta xornada será o 8 de novembro en horario de 16:30 a 20:30 e tamén terán lugar na Casa da Cultura. O prazo de inscrición para esta cita, que tamén será de balde, sairá a vindeira semana.