Noticias

‘Ponte en Movemento' retoma as clases no pavillón municipal de Chan da Barcia

O traslado é provisional e faise para que os participantes poidan manter unha distancia interpersoal maior á esixida


09 xuño 2020
Ponte Caldelas
Pavillon Chan da Barcia

A actividade de ximnasia de mantemento para persoas maiores ‘Ponte en Movemento' retomará as clases o vindeiro martes, 16 de xuño. As clases, que se impartían no Ximnasio Xparta de Ponte Caldelas, retomaranse nas instalación do pavillón municipal de Chan da Barcia. Este traslado é provisional e faise para garantir que todos os participantes na actividade poidan manter unha distancia interpersoal maior aos dous metros que se exigen.

A amplitude do pavillón municipal permitirá que as persoas que practican a ximnasia de mantemento a través desta actividade promovida polo Concello de Ponte Caldelas, coa que se pretende que os maiores de 59 anos envellezan de xeito activo.

Neste momento son 35 persoas empadroadas as que están anotadas á actividade, que por 10 euros ao mes, permite a asistencia a dúas clases semanais de ximnasia de mantemento e acceso libre a máquinas guiado polo entrenador. As clases de ximnasia de mantemento teñen lugar os martes e xoves, de 11.00 a 11.45 horas e o único requisito para participar é ser maiores de 59 anos, estar empadroados no municipio e presentar un informe médico para coñecer se hai necesidades/problemáticas específicas.

Envellecer activamente é algo moi importante para as persoas maiores, posto que participar neste tipo de actividades non só é saudable a nivel físico, senón tamén a nivel psicolóxico.