Noticias

Aberto ao tráfico o Paseo Matutino trala súa humanización

O Concello de Ponteareas abríu ao tráfico o primeiro tramo do Paseo Matutino no que se acometeron obras de humanización e mellora das redes de saneamento, pluviais e subministro de auga.


02 xaneiro 2019
Ponteareas
Concello de Ponteareas

O alcalde dí que a actuación "é un botón de mostra do que faremos nos vindeiros anos para transformar Ponteareas nunha vila ao servizo das persoas"

As actuacións consistiron na semipeonalización do Paseo Matutino, mantendo unicamente un carril para vehículos, e na substitución de 150 metros de colector de saneamento na Avenida de Galicia, pola parte posterior da Casa do Concello. Neste último caso profundizouse a cinco metros o colector, posto que se atopaba máis alto que algúns dos desagües que desembocaban nela. "Deste xeito poñemos fin a décadas de atascos e rebosamentos de augas fecais no cruce entre a Avenida de Galicia e o Paseo Matutino" sinala o Alcalde Xosé Represas.

O rexedor municipal informou que "unha vez rematen as festas finalizaranse as obras. O Paseo Matutino e a Rúa Rogelio Groba quedarán unidas á mesma altura e a Avenida de Galicia será asfaltada no tramo no que se realizaron as obras".

Dende o goberno local, tanto o alcalde como a tenente de alcalde, Chus Garrote amososaron "moi satisfeitos" co resultado da humanización do Paseo Matutino e agradeceron "a paciencia dos cidadáns" que soportaron os trastornos das obras. "Durante décadas tivemos beirarrúas estreitas, coches e terrazas de bares que daban un horríbel aspecto á zona. A partires de agora a rúa é para a xente, cun amplísimo espazo peonil de calidade, sen apenas vehículos e con arborado, sombra e bancos. Os hosteleiros poderán tamén aproveitar este espazo con terrazas acordes coa nova estética da rúa", explicaron.

Represas salientou que "esta actuación é o botón de mostra do que imos facer en Ponteareas nos vindeiros anos. Nas próximas semanas daremos a coñecer os proxectos e, nalgún caso, as adxudicacións de varias obras de humanización que teñen como obxectivo que Ponteareas sexa unha vila ao servizo das persoas".