Noticias

Ponteareas acollerá en outubro seis novas accións formativas do programa "Smartpeme"

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


30 setembro 2019
Smartpeme

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de outubro seis novas accións formativas do programa "Smartpeme" que comezan mañá en Ponteareas. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas

Así, os cursos que se impartirán dende o 1 ata o 30 de outubro serán os seguintes: "Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet", que se desenvolverá o 1 de outubro entre as 18 e as 21 horas; "Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores", que será o martes 8 de outubro de 19 a 21 horas; "O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram", cuxa realización será entre as 19 e as 21 horas do xoves 17 de outubro; "Emprego de vídeo nas redes sociais: Youtube", que se desenvolverá o martes 22 de outubro de 19 a 21 horas; "Copywriting para a promoción de tours, experiencias e actividades, o martes 29 de outubro de 17 a 19 horas; e, por último, "Vídeo co teu smartphone: Crea, grava e edita como un profesional", que se impartirá o mércores 30 de outubro entre as 18 e as 21 horas.

A totalidade destes obradoiros será impartida no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea, Ponteareas). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).