Noticias

Arranca a terceira edición da Semana das Ciencias en Ponteareas

A concellería de Ensino convida a toda a veciñanza a participar nas conferencias, mesas de debate, exposicións e actividades que achegarán a ciencia á cidadanía


09 abril 2018
Ponteareas

A concellería de Ensino e Participación Cidadá do Concello de Ponteareas, que dirixe a nacionalista Cristina Fernández, convida a toda a cidadanía a participar na terceira edición da Semana das Ciencias de Ponteareas.

Unha iniciativa que pretende amosar dun xeito divertido e interesante distintos ámbitos da ciencia ao alumnado e cidadanía.

A Semana das Ciencias abre o luns día 9 ás 19:00 horas coa presentación do xogo do profesor Xabier Prado, "Once Torres" na sala multiusos do auditorio municipal.

Ás 19:30 horas as investigadoras da Universidade de Santiago e Vigo, María Pardo, Mara Álvarez e María de la Fuente terán unha mesa de debate na que falarán da importancia das mulleres na ciencia e na investigación.

Este mesmo día tamén abre as súas portas o museo científico "Ciencia en Movemento" con máis de setenta obxectos co lema "Prohibido non tocar" dirixido a alumnado de 4º da ESO e 6º de primaria.

A veciñanza tamén poderá visitar a exposición de fotografía "Ponteareas e o Medio Ambiente" na entrada principal do auditorio en horario de mañá e tarde.

Paralelamente nos centros escolares haberá distintas actividades educativas así como saídas e visitas didácticas.