Noticias

O goberno de Ponteareas presenta os orzamentos de 2018 con 13,8 millóns de euros que priorizan o gasto social

O goberno abrirá negociacións coa oposición que xa conta co documento dende de finais de marzo.


07 abril 2018
Ponteareas
Concello de Ponteareas

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, presentou o borrador de orzamentos de 2018 que se caracteriza por priorizar o gasto social que suma un total de 2.581.500  nas diferentes liñas cos servizos socias, a residencia de maiores, a axuda no fogar, o centro Asprodico ou a escola infantil entre as prioridades. Pola súa parte, Educación e Cultura suman un total de 2.060.000 euros que se investirán no Conservatorio, centros educativos, biblioteca, auditorio e as actividades festivas e culturais. Outra das partidas de gasto corrente máis relevante; o servizo de limpeza viaria, recollida do lixo e tratamento en SOGAMA, suma un total de 1.650.000 euros.

Contempla 326.000 euros para as diferentes liñas de actuacións e obras da estratexia financiados con fondos europeos "Hábitat saudable", esta partida correspóndese co 20% da aportación do Concello dado que o investimento previsto para este ano con cargo a este programa achegarase a 1.750.000 euros.

O goberno trasladou á oposición o documento a finais de marzo e realizará nesta semana unha rolda de reunións para negocialo en base a propostas realistas e pensando no interese xeral dos e das ponteareás. "Todos os grupos da oposición coñecen a proposta do goberno, agora é o momento do diálogo coas achegas que realice cada forza política," manifestou o Alcalde de Ponteareas.

Represas destacou que "o orzamento recolle o saneamento das contas municipais na que figuran as últimas partidas destinadas a pagar sentenzas e débedas atrasadas".  En 2018 destinarase máis de 500.000 euros ao pago de sentenzas xudiciais por débedas e préstamos.   O orzamento de gastos pasa dos 12,8 millóns de 2016 a 13,8. Incremento que permitirá atender mellor os servizos municipais e incrementar o investimento. Unha situación mellor grazas ao trablallo riguroso de control do gasto por parte do actual goberno e de pagar as débedas atrasadas que asfixiaban a xestión municipal.

Os orzamentos priman o gasto social no que se volverá a incrementar a partida para as axudas de emerxencia social que subirá ata os 120.000 euros, cifra que duplica a destinada no ano 2015. Outra das partidas económicas creadas polo actual goberno de Ponteareas para apoiar ás familias con menos ingresos é a das axudas para libros e material escolar que por importe de 20.000 euros sirve de apoio económico a máis de 200 familias.

Outra das novidades é a incorporación dunha partida de 150.000 euros para traídas veciñais de augas. Este liña de axudas ten como finalidade subvencionar as obras prioritarias de novas captacións e depósitos ás comunidades veciñais que sufriron en maior medida as consecuncias da seca no verán e outono pasado.

Outra das características da proposta de orzamentos de Ponteareas para o 2018 é a conxelación de taxas e impostos con rebaixas relevantes como a do imposto de construcións e reformas. "Son uns orzamentos que garanten a estabilidade econónica municipal e sitúan ao Concello de Ponteareas na mellor situación da súa história para afrontar os grandes retos de investimentos que ten pendente Ponteareas e que a partir xa deste ano pode acometer con garantía e solvencia económica".

Os orzamentos recollen demandas de colectivos sociais que son prioritarias e que poden ser atendidas neste momento como concecuencia da xestión económica realizada polo actual goberno local. Contémplanse incrementos do 25% para as axudas para Casas Culturais e clubes deportivos que pasan dos 80.000 euros a 100,000 euros a suma das dúas liñas de axudas.

Por último, o Alcalde adianta que está aberto a escoitar às propostas da oposición que poidan mellorar o documento económico, "queremos lograr o o maior consenso.