Noticias

Pontecesures reforma os vestiarios do campo de fútbol Ramón Diéguez e pon fin á carencia dun espazo propio para as deportistas

Juan Manuel Vidal: "Tanto o colectivo masculino como feminino do concello teñen un lugar adaptado e adecuado para a práctica do deporte"


02 febreiro 2021
Obras campo futbol POntecesures

O Concello de Pontecesures ampliou e reordenou os vestiarios do campo de fútbol municipal Ramón Diéguez cunha achega do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de máis de 21.000 euros. A reforma das instalacións permitiu, ademais, habilitar un vestiario para os equipos femininos, como destacaron hoxe o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez e o alcalde da localidade, Juan Manuel Vidal, que visitaron as novas instalacións xunto á deputada provincial Ana Laura Iglesias.

As obras consistiron nunha completa reordenación dos espazos do campo para ampliar a zona dos vestiarios, ademais da dotación de mobiliario, a mellora das duchas e tamén a habilitación dunha zona de reunións para as directivas dos equipos. Foi, como destacou Vidal, "un cambio total" que así mesmo supón o cumprimento da demanda dun vestiario feminino cun espazo diferenciado. En resumo, trátase dunha obra que "mellora substancialmente a infraestrutura e a comodidade do que as usa" e coa que o campo, no que habitualmente xogan e adestran preto de 200 crianzas, gaña "máis espazo útil para a práctica do deporte e eficiencia".

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, felicitou ao alcalde por destinar fondos do Plan Concellos con destino á mellora das instalacións deportivas, " que son tan importantes neste momento de pandemia, onde o deporte se converteu nun elemento central". "Sabemos da importancia que o deporte e a boa saúde ten na sociedade actual", dixo. "Na Deputación sempre dicimos que o deporte é a revolución do século XXI e neste momento queda máis que demostrado". "A través dos fondos do Plan Concellos estanse a facer actuacións nas infraestruturas deportivas de moitísimos concellos da provincia, sobre todo en concellos pequenos, e iso que agora é moi importante, vaino ser aínda máis cando remate a pandemia, cando recuperemos a normalidade na actividade deportiva".

Engadiu que o feito de que preto do 12 % da poboación de Pontecesures sexa xente nova "é moi relevante e obriga tamén a que dispoñan de recursos para que poidan desfrutar de instalacións onde practicar deporte nas mellores condicións".

Máis de 3 millóns de investimento provincial en Pontecesures

Gómez indicou que a Deputación leva investidos en Pontecesures máis de 3 millóns de euros desde o 2015 e resaltou a destacada aposta do Concello polas dotacións deportivas, "que veñen a mellorar a vida dos cidadáns e a calidade das infraestruturas dos concellos". Nese senso, destacou o feito de que esta mellora fixera posible "que as mulleres poidan ter un espazo para cambiarse e facer deporte tamén" e anunciou que a Deputación seguirá a colaborar co Concello "como vimos facendo desde o ano 2015".

Pola súa banda, Juan Manuel Vidal destacou o compromiso da institución provincial co deporte base e a mellora das infraestruturas. "Os concellos de menor dimensión necesitamos máis que nunca esa tutela de Administracións próximas, para que velen por acadar eses obxectivos de mellora das súas infraestruturas, encamiñadas a algo tan fundamental como é a práctica do deporte", indicou. Engadiu que esta reforma permitiu "a tan necesaria a mellora das instalacións cun uso continuado por unha porcentaxe cada vez maior de poboación en idade xuvenil, o cal tamén é un síntoma de que estamos apuntando na boa dirección", así como que "tanto o colectivo masculino como feminino do concello teñan un lugar adaptado e adecuado para as súas necesidades de práctica do deporte". Neste senso, o alcalde destacou que "a mellora das instalacións municipais é un denominador común que imos a seguir mantendo".

Fotos