Noticias

Pontevedra acollerá en outubro sete novas accións formativas do programa "SmartPeme"

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


28 setembro 2019
Smartpeme

A Deputación de Pontevedra programa para este mes de outubro sete novas accións formativas do programa "SmartPeme" en Pontevedra. Estas sesións, que darán comezo este martes, están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

Así, os cursos que se impartirán desde o 1 ata o 30 de outubro serán os seguintes: Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que se desenvolverá o martes 1 de outubro, de 17 a 19 horas; Fotografía Gastronómica co Teléfono Móbil, que será o xoves 3 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea a túa Tenda en Liña con Prestashop, programado para o xoves 10 de outubro, entre as 18 e as 21 horas; Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Marketing, que se realizará o martes 15, entre as 19 e as 21 horas; Crea unha Campaña de Email Marketing con MailChimp, o xoves 17 de outubro, de 19 a 21 horas; Iniciación ó SEO I: Conceptos, Palabras Clave e Primeiros Pasos, que se desenvolverá o 24 de outubro, entre as 19 e as 21 horas; e, finalmente e en relación co anterior, Iniciación ó SEO II: Optimiza a túa Páxina Web para Gañar Visibilidade, que será o martes 29 de outubro, de 19 a 21 horas.

A totalidade destes obradoiros será impartida no Edificio Administrativo da Deputación (Avenida de Montero Ríos, s/n. Pontevedra). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer a través número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).