Noticias

Pontevedra acollerá en setembro sete novas accións formativas do programa "SmartPeme"

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores ao novo escenario dixital e a poder aproveitar as ferramentas existentes


01 setembro 2019
SmartPeme

A Deputación desenvolverá durante este mes de setembro sete accións formativas en Pontevedra enmarcadas no programa "SmartPeme" para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" ofrécelles ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

O primeiro dos cursos terá lugar o martes 3 de setembro e abordará o denominado Inbound Márketing, das 19 ás 21 horas, e as accións formativas continuarán o xoves 5 de setembro co obradoiro Copywriting para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, que se desenvolverá das 17 ás 19 horas. As outras accións formativas son as seguintes: Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Márketing, o martes 10 de setembro, das 19 ás 21 horas; Crea unha Campaña de Email Márketing con MailChimp, o xoves 12 de setembro, das 19 ás 21 horas; Emprego de Vídeo nas Redes Sociais: YouTube, o martes 17 de setembro, das 19 ás 21 horas; Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita como un Profesional, o xoves 19 de setembro, das 18 ás 21 horas, e Mellora a túa Presenza en Liña Promocionando as Entradas do teu Blog, o martes 24 de setembro das 19 ás 21 horas.

Todas estas accións formativas desenvolveranse no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra (avenida de Montero Ríos, s/n). As inscricións para participar nos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.