Noticias

O alcalde de Portas recepciona unha picheira para mellora-la seguridade viaria nas estradas e camiños municipais

Ricardo Martínez destacou a versatilidade deste novo servizo co que pretende atende-las demandas dos veciños do rural en materia de bacheo e mellora da rede viaria interior


15 outubro 2020
Portas
Imaxe picheira

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez Chantada, recepcionou diante do consistorio unha picheira montada sobre un remolque versátil que permitirá mellora-la seguridade viaria nas estradas e camiños de titularidade municipal. Esta nova maquinaria, cun investimento que supera os 15.000 euros e adquirida a través do Plan Concellos da Deputación, permitirá amplia-lo amplio abano de servizos que os operarios do servizo de obras prestan aos veciños do municipio.

Ricardo Martínez, despois de coñecer polo miúdo as posibilidades e versatilidade desta nova picheira montada sobre remolque de metal galvanizado, manifestou a súa satisfación por poder contar cunha máquina que permitirá atende-la demanda veciñal, sobre todo no rural, en materia de bacheo e mellora da rede viaria interior.

"Cremos que lle podemos sacar un bo partido a esta máquina e a este investimento posto que axudará a mellora-la seguridade viaria na extensa rede de estradas e camiños do municipio que superan os 80 quilómetros na súa totalidade e que precisan dunha atención continua para mellora-lo seu estado e garantir que se atenden tódalas demandas que neste sentido poidan reclama-los nosos veciños", indicou o alcalde de Portas.
Martínez salientou a nova capacidade que esta máquina dará ao servizo de obras do Concello de Portas xa que permitirá o asfaltado en quente con resultados moito mellores que os que se facían antes utilizando aglomerado en frío. A nova picheira, pola súa versatilidade, poderá operar con gas butano ou propano e permitirá unha maior autonomía e capacidade de actuación en todo o municipio.
Finalmente, Ricardo Martínez sinalou que "esta compra, que acometemos a través do Plan Concellos, esta feita pensando en investir de cara ao futuro coa intención clara de dar resposta dun xeito sostible a unha serie de problemas de seguridade vial e de estado dalgúns camiños de titularidade municipal que doutro xeito non poderíamo acometer. Este é un investimento que queremos rendabilizar en pequenas  intervencións que son moi necesarias e demandadas polos nosos veciños", concluíu o alcalde de Portas.