Noticias

O alcalde de Portas traslada a súa satisfacción polo interese da Xunta de Galicia en concluír o proxecto da Vía Verde

O rexedor da localidade, Ricardo Martínez, agradeceu á conselleira de Medio Ambiente o apoio desta administración para que o municipio non quede descolgado desta iniciativa Tamén agradeceu aos concellos de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa por aceptar que os municipios aporten en función da súa poboación e do tramo de vía afectado en cada un


17 setembro 2019
Portas
Vía Verde

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, mostrou esta mañá a súa satisfacción pola colaboración mostrada onte por parte da Xunta de Galicia, e en concreto, da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a reunión celebrada neste concello, por concluír o proxecto da Vía Verde.

O rexedor asegurou que agradece a comprensión da administración autonómica ante a preocupación deste concello tras quedar descolgado do proxecto que acometeu a Deputación de Pontevedra cos outros dous concellos.

Ricardo Martínez destacou o acordo ao que onte se chegou durante esta reunión para que teña lugar un novo encontro entre a Xunta de Galicia e os tres concellos que conforman esta iniciativa. "En concreto, reunirémonos coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, co obxectivo de analizar que é o que resta por facer do proxecto inicial e firmar un novo convenio que permita concluír a Vía Verde, e que poña fin a situación anómala que supón que a Deputación de Pontevedra segregase a Portas do proxecto", engadiu o alcalde da localidade.

Martínez quixo tamén agradecer aos concellos de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa por aceptar que os municipios asuman nese novo convenio unha parte, segundo o número de poboación e o tramo de vía coa que conten cada un. Deste xeito, o 10% que asumiría cada concello no primeiro convenio veríase reducido no caso de Portas.