Noticias

O Concello de Portas acolle a primeira mesa de traballo no marco do pacto das alcaldías polo clima e a enerxía sostibles

O alcalde Ricardo Martínez deseñou cos técnicos mediambientais as liñas xerais que acompañarán ás medidas para reducir un 40% o consumo enerxético e as emisións de gases de efecto invernadoiro no municipio para o ano 2030


21 outubro 2020
Portas
Reunión polo clima e a enerxía sostible

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, presidiron a primeira xuntanza da mesa de traballo no marco do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES), aberta á participación de tódalas forzas políticas da Corporación Municipal, para analiza-la situación do municipio desde o punto de vista medioambiental e ir planificando iniciativas sostibles no tempo para lograr unha redución do 40% do consumo enerxético e de emisións contaminantes para o ano 2030.

O obxectivo destas xuntanzas de traballo é a elaboración dun Plan, que é o primeiro requirimento ao que deben dar resposta os concellos adheridos ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostibles, unha rede composta por municipios de todo o mundo que comparten o compromiso de reducir un 40% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro no ano 2030, e da que Portas forma parte dende o pasado 25 de outubro de 2019.

Grazas a a estar integrada nesta rede, o Concello de Portas resultou ser un dos beneficiarios das axudas concedidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia con fondos FEDER para sufragar os gastos derivados da elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES).

Nos resultados dos traballos hoxe iniciados quedarán recollidas as liñas de medidas seleccionadas polo Concello para dimunir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (as chamadas medidas de mitigación) e reducir os riscos derivados dos efectos do cambio climático (denominadas medidas de adaptación ao cambio climático).

Tal e como se comentou durante a xuntanza, estas accións virán a complementar as actuacións que o Concello está xa desenvolvendo de cara a mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións municipais e dar cumprimento aos requisitos derivados da aplicación dos principios da economía circular á xestión de residuos.

Así mesmo, a xuntanza serviu tamén para que a asistencia técnica expuxese os resultados preliminares do cálculo de emisións nas instalacións e dependencias municipais e presentase a estimación deses posibles impactos que o cambio climático terá sobre o municipio.

Os resultados presentados na reunión de hoxe, completaranse cunha serie de consultas á Corporación Municipal, para confeccionar o plan definitivo. Este documento, ademais de recoller as accións acordadas para reducir as emisións e os riscos asociados ao cambio climático, contemplará tamén outras encamiñadas a reducir a pobreza enerxética no municipio.

Posto que o Plan supón unha folla de ruta de cara á mellora do comportamento ambiental do Concello de Portas, a súa aplicación será obxecto de revisión no prazo de 2 anos o que permitirá avaliar os resultados obtidos en canto a redución de emisións e redución dos riscos asociados ao cambio climático.