Noticias

O concello de Portas fai unha entrega domiciliaria de máscaras e xel hidroalcólico aos nenos empadroados no municipio

O alcalde Ricardo Martínez e o tenente de alcalde Alfonso Vázquez presentaron a iniciativa coa que pretenden ampliar ao máximo a protección sanitaria dos rapaces en idade escolar


19 outubro 2020
Portas
Alcalde e tenente alcalde presentan iniciativa máscaras

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Alfonso Vázquez, presentaron a iniciativa de prevención sanitaria fronte ao Covid-19 que desenvolve estes días o Concello consistente no reparto domiciliario de máscaras e minibotes portátiles de xel hidroalcólico recargable aos nenos e nenas en idade escolar, empadroados no municipio.

Con esta actuación o Concello pretende colaborar coas familias na máxima extensión das medidas de preveción sociosanitaria coa entrega dunha máscara lavable serigrafiada co escudo municipal de Portas e un minibote portátil de xel hidroalcólico con forma de rotulador para que os nenos e nenas podan levalo cómodamente nos seus petos ou bolsas escolares e utiliza-lo ao longo da xornada escolar.

Esta nova iniciativa levada a cabo polo Concello de Portas enmárcase en toda unha serie de medidas adoptadas desde que se decretou o confinamento no pasado mes de marzo e que van orientadas a preservar á súa poboación da pandemia. Nesta tarefa é salientable o esforzo e a dedicación dos operarios municipais para manter desinfectados os viais públicos de tódolas aldeas e parroquias así como os principais lugares de concentración humana no centro da vila como o entorno do Consistorio, o propio colexio, centro de saúde, etc.

Estas máscaras están confeccionadas con algodón 100% porque actúa como barreira mecánica contra os xérmenes. Son lavables ata os 60 graos de temperatura o que garante a eliminación de bacterias e virus. Recoméndase o seu secado ao sol como mellor método antiséptico.

Estes elementos de prevención sanitaria contan cun tecido de alta resistencia mecánica e química, hipoalerxénico, de estabilidade diminesional, resistentes á abrasión, non xera pelusilla nin desenfiadas, ten impermeabilidade e barreira protectora. Soporta un pranchado de ata 140º de temperatura de 10 a 15 segundos.

Tanto o alcalde, Ricardo Martínez, como o tenente alcalde, Alfonso Vázquez, lembraron que estes elementos de protección que se repartiron entre os nenos e nenas empadroados no municipio de Portas non dan a inmunidade absoluta fronte ao Covid-19 "pero son unha axuda para manter a prevención e a loita contra a pandemia dotando aos nosos rapaces e rapazas de elementos útiles para a súa autoprotección nestes momentos de especial incidencia e necesidade de tomar medidas para que poidan enfrontarse a este problema sanitario nas mellores condicións posibles".