A Deputación colga o cartel de “completo” para a xornada “Individuas de Dudosa Moral” sobre a represión da sexualidade feminina no franquismo

A web da Deputación emitirá os relatorios en directo o vindeiro 8 de abril e despois estarán accesibles na canle de Youtube provincial

25/03/2022

cartel individuas de dudosa moral

A Deputación de Pontevedra vén de colgar o cartel de ‘completo’ para a xornada de Memoria Histórica ‘Individuas de Dudosa Moral’ que se celebrará o vindeiro 8 de abril. A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, destacou hoxe que dado que a capacidade do salón nobre do Pazo Provincial está completa e a lista de agarda está a medrar de maneira continua, todas as persoas que estean interesadas en seguir os relatorios poderán facelo en directo en liña a través da páxina web da Deputación e, depois, na canle de Youtube provincial.

O obxectivo desta cita é analizar aspectos como a vida íntima das mulleres centrada na “satisfacción das necesidades do varón”, o roubo de bebés, a persecución das mulleres lesbianas e o ‘Patronato de Protección a la Mujer’ como cárcere de “descarriadas”, entre outras cuestións.

Abrirá os relatorios do día 8 ás 11.30 da mañá a historiadora María Victoria Martins falando da represión global a todas as mulleres polo feito de selo, cuestión manifesta incluso na lexislación, que por exemplo marcaba como delito o adulterio feminino, pero non o masculino.

Despois terá lugar a mesa redonda ‘O Patronato de Protección a la mujer: un cárcere para as descarriadas’ coa presenza da xinecóloga Enriqueta Barranco e a xornalista Llum Quiñonero, presidenta de Acción Ciudadana contra la impunidad del franquismo. No coloquio porase de manifestó que as mulleres que non cumprían o perfil considerado como ‘correcto’ podían ser encerradas en institucións por orde do Patronato de Protección a la mujer, que funcionou desde 1943 ata 1986.

Outro dos temas das xornadas será o roubo de bebés, co que se abrirán os relatorios da tarde a cargo de Soledad Luque, presidenta do colectivo ‘Todos los niños robados son nuestros niños’, e da avogada Maite Parejo. Tamén se contactará por vídeo conferencia cunha vítima viguesa, Marga Rodríguez, irmá dun bebé roubado.

O último relatorio abordará a represión contra a sexualidade das mulleres, en concreto o padecemento que supuxo a ditadura para as mulleres lesbianas, xa que o réxime oscilou entre ignoralas e perseguilas. Dará o seu testemuño Nanina Santos, historiadora, cofundadora da Asociación Galega da Muller, integrante da equipa da revista Andaina e profesora de ensino medio xubilada.

Finalmente, a xornada pecharase coa proxección do documental ‘Sacar a la luz’ de “Art al Quadrat”, no que se fala das mulleres do bando perdedor da Guerra Civil española con testemuñas de fillas e netas.