Esgotadas as prazas de “DepoAuga” para a ruta de paddle surf pola Illa de Tambo

Con esta actividade 30 persoas realizarán o domingo 14 de agosto, unha ruta guiada en táboas de paddle surf

03/08/2022

DepoAuga”, o programa da Deputación de Pontevedra que combina deporte e natureza a través do paddle surf e o caiac nos ríos e praias da provincia, está a ter ten unha excepcional acollida en todas as rutas realizadas nas súas dúas edicións. Así, as 30 prazas previstas para a vindeira actividade no concello de Poio en táboa de paddle surf, están esgotadas. A ruta dividirase en dúas quendas e iniciarase no peirao da Chousa de Combarro ata chegar á Illa de Tambo. As persoas visitantes farán unha parada na praia Adreira, a máis grande de Tambo, onde os guías lles explicarán a historia da illa.

DepoAuga” está dirixido ás persoas amantes dos deportes, da natureza e da aventura. Consiste en rutas guiadas de aproximadamente unha hora e media de duración por ríos e praias da provincia nunha táboa de paddle surf ou nun caiac. Ambas modalidades contan cada vez máis cun maior número de afeccionados e son unha das formas máis divertidas de coñecer e sentir o deporte na natureza. As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de inicio da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa, apuntaranse nunha das quendas que se ofertan por día e entregaráselles todo o material necesario para a práctica das actividades.

Tras esta ruta, haberá unha última no concello de A Illa de Arousa o 4 de setembro na modalidade de caiac para a que haberá 45 prazas divididas en 3 quendas dunha hora e cuarto cada unha. O prazo de inscrición para esta actividade abrirase o día 15 de agosto.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.