Noticias

Premio Paraugas para o catálogo ‘Mulleres do silencio', que visibiliza o talento das artistas galegas do século XX

A obra foi editada pola Deputación de Pontevedra, coa iniciativa da comisaria da mostra da que xurdiu o catálogo, Rosario Sarmiento, e impresa por Tórculo Comunicación


30 novembro 2019
Premio Paraugas

O catálogo Mulleres do silencio, editado pola Deputación de Pontevedra, coa iniciativa da comisaria Rosario Sarmiento, e impreso por Tórculo Comunicación, acaba de ser galardoado co Premio Paraugas polo Clúster de Comunicación Gráfica de Galicia ao mellor libro. A deputada provincial, Ana Laura Iglesias, recolleu o galardón na cerimonia de entrega que tivo lugar en Ourense. Nela subliñou que a edición desta obra, que recolle a esencia da exposición co mesmo nome que visibilizou o talento de 19 mulleres da arte galega do século XX, se enmarca na prioritaria aposta pola igualdade da institución provincial. Iglesias reiterou o firme compromiso da Deputación, "un eixe no que seguiremos traballando ata que todas e todos poidamos resgardarnos baixo o mesmo ‘Paraugas'".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa emoción "xa que se trata do segundo premio que nos dan esta semana vinculado á igualdade. Esta obra é un exemplo do que para o noso goberno significa darlles voz ás mulleres". Silva agradeceu, en primeiro lugar, o premio á comisaria da exposición da que xurdiu o catálogo, Rosario Sarmiento, "que ideou como tiña que plasmarse esta mostra de mulleres artistas en páxinas", para recoñecer a continuación todo o "excelente traballo" dos departamentos da Deputación implicados na edición deste libro: o Servizo de Igualdade, que asumiu a coordinación, o de Comunicación Institucional, encargado do deseño e maquetaxe, e o de Servizos Lingüísticos, que revisou e traduciu os textos. Tamén estendeu o agradecemento á empresa Tórculo, que foi a encargada de realizar a impresión da obra.

Carmela Silva lembrou que as artistas galegas cuxa traxectoria recolle Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz estiveron "historicamente ocultas" a pesar das súas grandes achegas "ata o punto de ser precursoras de moitas mulleres artistas que hoxe están a ser protagonistas da revolución cultural que vive Galicia". Apuntou a este respecto que a reivindicación do papel da muller é "un dos eixes fundamentais polos que se rexen as nosas políticas" por ser "o gran reto deste século XXI para a sociedade" e para o que aínda, como subliñou a presidenta, "queda moito camiño por percorrer. Non seremos unha sociedade plenamente democrática sen igualdade". Nese sentido, dedicoulle tamén o premio "a todas as feministas que nos abriron camiño e grazas ás que temos todos os avances conseguidos". Logo engadiu: "Como di Yolanda Castaño no limiar doutro catálogo, o da exposición ‘Sempre marzo', o noso obxectivo é ‘que nunca arrefríen as brasas da páxina' escrita polo feminismo desde hai séculos. Sen dúbida, o século XXI será o século das mulleres".

O catálogo xa se está a repartir nos centros escolares "porque nos parece unha semente máis para inculcarlles as máis novas e novos como debe ser ese futuro en igualdade".