“Acciona o rural”, o novo proxecto da Deputación para poñer en valor á muller a través da creación escénica, chegará a Silleda, Mondariz e Moraña

Carmela Silva: “É un proxecto que vai referenciar esta provincia, porque queremos un rural rico, con actividade, onde poñer en valor ás mulleres que argallaron a vida do territorio e convertelas en protagonistas”

22/04/2022

Acciona o rural

Silleda, Mondariz e Moraña son os tres concellos da provincia onde o vindeiro mes de maio se desenvolverá a novidosa iniciativa promovida pola Deputación para “poñer en valor ás mulleres e encher de igualdade o rural” a través da cultura. Deste xeito, co proxecto “Acciona o Rural”, mulleres maiores destes tres concellos participarán en obradoiros de creación escénica que darán lugar a unha mostra aberta ao público e que serán gravados pola cineasta Anxos Fazáns para a produción dunha posterior curta documental. A presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou hoxe a importancia deste fermoso proxecto, “que vai dar moito que falar e vai referenciar esta provincia”, na presentación xunto ás súas promotoras, o colectivo Fiore di Zucca, formado polas creadoras Andrea Dunia Díaz Casal, Ana Fontenla e Celina Fernández Ponte.

Carmela Silva subliñou que esta proposta, que vai ter continuidade nos vindeiros anos para chegar a todos os concellos rurais da provincia, xurde deste colectivo de mulleres mozas, “que axitan a bandeira da igualdade” e son “grandes creadoras”. “Imos ter un maio –apuntou- de poñer en valor ás mulleres do rural e facilitar que poidan desenvolver iniciativas que as empoderan, énchenas de cultura e enche de igualdade o noso rural. Porque queremos un rural rico, con actividade, onde as mulleres ocupen un gran espazo de acordo ao papel fundamental que xogaron na construción da nosa comunidade. Foron as grandes facedoras da economía, do mantemento das nosas tradicións e a cultura popular. Argallaron a vida no territorio do rural e ten moito sentido que o poñamos en valor, levemos actividade e as convertamos en protagonistas desta provincia”. Destacou tamén o feito de que as tres promotoras traballan no rural e iniciativas deste tipo son obrigadas polas administracións “para que poidan desenvolver os seus proxectos aquí”.,

Como explicou Celina Fernández, o proxecto é “unha triloxía”. Deste xeito, en cada un dos tres concellos a iniciativa durará sete días. De luns a venres terán lugar os obradoiros de creación escénica onde as mulleres participantes (un máximo de 12) traballarán desde a práctica acerca de diversos temas, relacionados coa tradición da zona baixo unha visión feminina. O sábado, haberá un ensaio para estruturar os contidos e o domingo, as participantes ofrecerán nunha mostra aberta ao público o seu traballo. Deste xeito, pasarán de alumnas a creadoras, sendo protagonistas da súa propia montaxe. . Toda a experiencia será rexistrada pola cineasta Anxos Fazáns e dará lugar a unha curtametraxe documental, que se prevé preestrear a finais deste año e distribuír ao longo do 2023.

A iniciativa arrancará en Silleda do 2 ao 8 de maio, continuará en Mondariz, do 9 ao 15 e rematará en Moraña, do día 23 ao 29. Está aberta a mulleres maiores e xubiladas residentes no rural que queiran aproveitar esta iniciativa. Como subliñou outra das integrantes de Fiore di Zucca, Andrea Dunia Díaz Casal, “o proxecto pon o foco no rural e posibilítanos ás creadoras que vivimos nel quedarnos aquí para traballar no noso campo, que é a investigación e a creación teatral”. “Isto permítenos  -agregou- traballar na nosa comunidade, para a nosa comunidade e con todas estas mulleres que  nos rodean, que son as nosas fontes de cultura e coñecemento. Poder estar cerca delas e sacar o máximo posible, que é o noso labor como creadoras, vainos permitir acadar o principal obxectivo que é converter esta experiencia en sabiduría”.

As tres integrantes de Fiore di Zucca agradeceron o apoio brindado pola Deputación para desenvolver este proxecto teatral, “que vai máis aló dos resultados e se centran no proceso na investigación artística, algo que cremos importante para construír unha sociedade sa culturalmente, e con voz de muller”, como destacou Celina Fernández. Pola súa banda, Ana Fontenla incidiu en que se trata dun proxecto “creado, liderado e impulsado por mulleres e feito para as mulleres, para poñer en valor o camiño das mulleres”.

audios