A Deputación lanza “Aquí faltan páxinas”, unha inédita colección de podcasts para visibilizar e dar voz aos logros de grandes mulleres galegas

A antoloxía de relatos sonoros visibilizará a doce mulleres referentes con relación coa provincia e 9 concellos acollerán faladoiros guiados por persoas expertas nestas figuras 

20/12/2022

XORNADA CLÚSTER+PREMIOS TURISMO SOSTIBLE

Encher a parte silenciada da historia rescatando episodios fundamentais protagonizados por doce mulleres galegas extraordinarias. Este é o principal obxectivo co que nace Aquí faltan páxinas, unha pioneira iniciativa que será desenvolvida por vez primeira co formato podcast, que pon en marcha a Deputación xunto a O Cable Inglés para poñer en valor a contribución feminina ao desenvolvemento da humanidade. O proxecto arranca cunha colección de relatos sonoros que dará a coñecer no 2023 os logros destas mulleres, unha por mes, que se complementarán con 12 faladoiros en 9 concellos da provincia que tiveron relación con elas. As imaxes das protagonistas ocuparon hoxe o Salón de Plenos na presentación do proxecto que explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á coordinadora Marián Fernández, e Guillermina Domínguez, Milagros Bará e Loli Docampo, que protagonizarán tres dos coloquios previstos. 

Así, desde xaneiro, a colección de podcasts, que se colgarán no propio site “Aquí faltan páxinas” da web da Deputación e con ligazón a Spotify, reunirá mes a mes as historias narradas por Marián Fernández de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa, referentes en distintos ámbitos como o deporte, a educación, a investigación ou o activismo. Amais, publicarase unha ruta virtual que amosará os puntos máis importantes da biografía da protagonista do mes

A presidenta provincial, Carmela Silva destacou que este proxecto, que nace con vocación de continuidade, dá voz “a mulleres imprescindibles, a nosa historia esquecida, pero nunca enterrada”. “As aportacións das grandes mulleres -apuntou- non as pode borrar ninguén e iso que empeño puxeron”. A presidenta agradeceu ao Cable Inglés e as relatoras o traballo para recuperar “a estas extraordinarias mulleres” que tiveron relación coa provincia, “aínda que son inmensamente galegas, españolas, europeas e universais, e proceden de distintos ámbitos porque houbo, hai e haberá mulleres sempre en todos os eidos da vida”. “Estas doce son únicas, as nosas referentes –engadiu-, e foron imprescindibles mentres viviron coas súas aportacións. Pero hoxe o son tamén para que teñamos referentes que nos permitan seguir crecendo poderosas e optando a todo”.

“Somos –sinalou Carmela Silva- a metade do mundo, temos aportado moito e non estamos dispostas a que se nos siga silenciando e calando. Estiveron, estamos e estarán”. Louvou o formato dos podcasts para “falar destas mulleres, poñelas de pé e no centro e convertelas en referencia, moi particularmente para a xente moza, que precisa de ter a mulleres referentes para poder crecer na verdade. Se se oculta ás mulleres, edúcasenos na falta da metade do mundo, e polo tanto non está toda a verdade presente”.

A coordinadora do proxecto, Marián Fernández, destacou o papel da Deputación no liderado de accións e programas de igualdade “tecendo sinerxías importantes” coa sociedade e subliñou a necesidade “de seguir escribindo as páxinas que quedaron esquecidas, obviadas e ninguneadas na historia, porque esta colección nace con vocación universal e temos moita fame de referentes”, de xeito que a colección parte de mulleres na provincia, pero “nos gustaría seguir incorporando nomes de calquera ámbito, tanto público e privado, porque sen elas non estariamos aquí”. Pola súa banda, Guillermina Domínguez, que falará de María Soliña, destacou “a historia das mulleres é indispensable e básica para lograr a súa emancipación e é preciso visibilizala”. Milagros Bará, experta en Elisa Patiño, cualificou a nova iniciativa provincial de “imprescindible” para “axudar a normalizar a situación”. “Faltan páxinas –sinalou- para poñer en valor ás pontevedresas e galegas do mundo que fixeron importantes aportacións á historia”. E Loli Docampo, que protagonizará a charla sobre Maruja Mallo, confía en que o proxecto sirva “para desentrañar a pegada e dar a coñecer a traxectoria desta artista, que aínda non ten a repercusión que debe”.

O programa

Aquí faltan páxinas” arrancará en xaneiro coa figura de María Soliña, (1551-?), acusada de bruxería e símbolo dos abusos contra as mulleres, e dela falará Guillermina Domínguez en Cangas. En febreiro a protagonista será a pioneira da aviación española, a “muller paxaro” Elisa Patiño, (1890-1919), co faladoiro de  Milagros Bará en Sanxenxo. Marzo rescatará a historia da primeira galega en licenciarse en medicina, Olimpia Valencia (1898-1987), coa charla de Ana Fuentes na sede da Deputación de Vigo e abril será a quenda da artista Maruja Mallo (1902-1995), coa intervención de Loli Docampo en Bueu.

Por outra banda, en maio falarase da humanista e activista Concepción Arenal (1820-1893), de quen falará Anna Caballé na cárcere da Lama; mentres que en xuño o podcast estará dedicado a Antonina Sanjurjo, xogadora de hockey (1910-1939), coa charla protagonizada por Cristina López Villar na sede da Deputación en Vigo. En xullo rescatarase a figura da escritora e feminista María Vinyals  (1875-década 40), de quen versará o faladoiro de Isabel Blanco no Castelo de Soutomaior.

A comprometida mestra Ernestina Otero (1890-1956) será protagonista en agosto e dela falará Manuel Puga en Redondela mentres que en setembro tocaralle á oceanógrafa e pioneira da investigación mariña Ángeles Alvariño (1916-2005) cuxa traxectoria enxalzará Ángeles Leira na sede de Vigo. Na recta final do ano, a primeira muller almirante, Isabel Barreto, (1567-1612) protagonizará o podcast de outubro e dela versará o faladoiro de Eloísa Gómez no Pazo Provincial en Pontevedra; mentres que novembro estará dedicado a Carolina Otero (1868-1965), a icona da Belle Époque, coa intervención de Carmen Posadas en Valga. Por último, o programa pecharase en decembro coa compositora e música Sofía Novoa  (1902-1987) e a charla de Carmen Losada na sede de Vigo.

Aquí faltan páxinas” é tamén protagonista da axenda institucional para 0 2023 que edita a Deputación na que cada mes está dedicado, ao igual que os podcast, a unha das protagonistas coa súa correspondente biografía. Amais, cada mes recolle tamén  as efemérides máis destacadas no ámbito da igualdade.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

videos

audios