Presentación Trail Orixes de Mondariz

31/03/2022

O Pazo Provincial da Deputación acolleu a presentación do IV Trail Orixes de Mondariz, unha proba deportiva que o 21 de maio trasladará ás e aos participantes aos “orixes da vida” ao transcorrer por paraxes únicas nas que poderán desfrutar dun percorrido que pasará por muíños, mámoas ou petróglifos.

O deputado de deportes, Gorka Gómez, non quixo deixar pasar a ocasión para falar dunha proba que fomenta o turismo deportivo que na Deputación “queremos que sexa un fío fundamental para o futuro, xa que establece unhas sinerxías co territorio e a economía”. Nesta liña, Gorka Gómez subliñou que “apostar por empregar os recursos públicos en deporte e atracción turística e fomentar o territorio a través da práctica deportiva é a nosa obriga”. Tamén falou da importancia que teñen os clubs, patrocinadores privados e voluntariado “que son realmente quen merecen os agradecementos” así como do feito de que a proba se desenvolva en catro distancias diferentes sendo así accesible para un maior número de persoas.

Ao acto tamén acudiu o  alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, para quen o Trail Orixes é “un escaparate moi importante que dá a coñecer o territorio de Mondariz, que ten uns recursos naturais e paisaxísticos que queremos que nos convertan na referencia do turismo do interior nas Rías Baixas”.