Noticias

Preto de 120 mozas e mozos inician este luns 15 de marzo as actividades formativas do programa "Tic Emprendes" da Deputación de Pontevedra

"Tic Emprendes" fomenta a formación e o emprendemento da xente máis nova para loitar contra o despoboamento nos concellos con maiores problemas demográficos


14 marzo 2021

Preto de 120 persoas de entre 16 e 30 anos, a maioría delas mulleres (74), participarán desde este vindeiro luns, 15 de marzo, nas primeiras seis actividades formativas do programa da Deputación "Tic Emprendes", co que a institución provincial busca fomentar o emprendemento entre a xente máis nova dos concellos con menos habitantes da provincia a fin de frear o despoboamento. Estas accións se desenvolverán por primeira vez de maneira telemática debido á situación sanitaria e está previsto que en abril se inicien outras dúas novas accións formativas con outras 30 persoas participantes.

Máis polo miúdo, a actividade formativa con maior demanda é a do curso Márketing Dixital, con dous grupos de 17 persoas, seguida da relativa á Organización e Xestión de Almacéns, cun total de 30 alumnas e alumnos. O resto de cursos están enfocados ás novas tecnoloxías e abordan temáticas como Creación de Contidos Dixitais (Imaxe, Vídeo e Videoxogos), con 19 alumnas e alumnos; Creación e Xestión de Tendas en Liña (18) e As Aplicacións Móbiles (17 persoas). Doutra banda, en abril desenvolveranse outros cursos de Márketing Dixital e Venda de Produtos e Servizos Turísticos.

Todas estas actividades, de carácter gratuíto, son parte do total de 26 accións enmarcadas nos 11 itinerarios formativos de que consta o programa "Tic Emprendes", que se prevé que forme a un total de 390 mozas e mozos ata o ano que ven. A iniciativa está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e conta cun orzamento de máis de 700.000 euros.

O programa ten como obxectivos fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara o emprego e loitar contra o despoboamento, propoñendo alternativas que fixen a xente moza nas zonas con maiores problemas demográficos. En concreto, céntrase nos 31 municipios da provincia de Pontevedra que contan cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes ou, no seu defecto, entre 5.001 e 10.000 habitantes con saldo negativo na última década. Son Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Oia, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces.

En cada itinerario ofrécese formación en materias específicas de cada zona, titorías personalizadas para a busca de emprego, e asesoramento para a creación da propia empresa. Ademais, o programa ten como metas que o 15 % das persoas mozas participantes comecen unha iniciativa emprendedora, que o 30 % obteña un emprego e que o 80 % permaneza no seu lugar de residencia.

O programa, con contidos e actividades que poden consultarse na ligazón www.depo.gal/tic-emprendes, mantén aberta a inscrición para participar en próximas accións formativas que se irán desenvolvendo. Esta formación é gratuíta e as persoas interesadas poden acadar información no correo ticemprendes@depo.gal ou nos teléfonos 886 217 320 e 986 804 100 (extensión 47320).