Noticias

Preto de 200 mozas e mozos terán un contrato en prácticas en empresas da provincia co programa da Deputación de Pontevedra "O teu primeiro emprego"

Carmela Silva anunciou que a Xunta de Goberno aprobou a selección das 183 firmas colaboradoras, situadas en 27 concellos da provincia, así como as bases para as contratacións


04 outubro 2019
O teu primeiro emprego

Un total de 183 mozas e mozos traballarán en empresas e corporacións sectoriais da provincia de Pontevedra grazas ao programa de fomento da empregabilidade "O teu primeiro emprego". Con este programa a Deputación de Pontevedra busca facilitar que a mocidade con título universitario ou de FP poida acceder a un primeiro emprego cun contrato en prácticas.

Silva anunciou hoxe a aprobación, en Xunta de Goberno, das 183 empresas colaboradoras seleccionadas para participar no programa, así como das bases que rexerán agora as contratacións doutras tantas persoas beneficiarias. As empresas participantes desenvolven a súa actividade en 27 concellos: Agolada, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Mos, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Dos 183 contratos previstos, cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 1.070.700 euros, 92 serán para persoas con titulación universitaria e 91 para persoas tituladas en ciclos superiores de Formación Profesional. No primeiro caso, os perfís que máis se demandaron por parte das empresas foron os de persoas tituladas en Enxeñería Industrial (20 solicitudes), grao ou licenciatura en Administración e Dirección de Empresas (15 solicitudes) e grao en Arquitectura (7), así como grao ou licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, grao en Ciencias Empresariais, grao en Xestión en Medianas e Pequenas Empresas e grao en Comercio, con seis solicitudes de empresas todas elas.

No que atinxe á FP, búscanse por parte das empresas sobre todo persoas tituladas nos ciclos superiores de Administración e Finanzas (houbo 34 solicitudes), Desenvolvemento de Aplicacións Web (8) ou Administración de Sistemas Informáticos en Rede (4), só por citar algunhas. Neste eido, a presidenta provincial destacou que "a maioría das solicitudes están ligadas as STEM e por outra banda a todo o que ten que ver coa administración e coa xestión de empresas" e amosou a súa preocupación porque "tan só o 25 % das persoas matriculadas en carreiras STEM son mulleres, iso significa que o 75 % dos novos empregos ligados a esas áreas van a ser homes". "Por iso estamos traballando moito para promover que as nenas dirixan tamén as súas preferencias, gustos, eleccións universitarias nesas carreiras que van a ser as que finalmente xeren empregos de máis calidade e máis salario", concluíu Carmela Silva.

Como lembrou a presidenta, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha este ano o plan "O teu primeiro emprego", que ven substituír as bolsas do antigo Plan de práctica laboral, por contratos en prácticas con máis garantías e dereitos, e que está estruturado en catro programas independentes: "O teu primeiro emprego" na Deputación de Pontevedra; "O teu primeiro emprego" nos concellos (de menos de 50.000 habitantes); "O teu primeiro emprego" nas empresas e corporacións sectoriais e "O teu primeiro emprego" en organizacións non gobernamentais.

O obxectivo deste programa dirixido á mocidade é facilitar que as tituladas e titulados universitarios e de ciclos superiores de FP poida acceder a un primeiro emprego adecuado ao seu nivel de estudos cursados, adquirir experiencia profesional e facilitar a súa futura inserción no mercado laboral. Ademais, así a Deputación tamén colabora con empresas, corporacións sectoriais e organizacións sen animo de lucro no desenvolvemento económico da provincia.