Noticias

Preto de 400 mozas e mozos de FP e da Universidade participaron en estadías por toda Europa grazas ás achegas da Deputación de Pontevedra

A través do Practicum Depo, desde 2016 o Goberno provincial ten investido case 2 millóns de € para que alumnado de FP da provincia realice prácticas laborais en países europeos


23 decembro 2018

A Deputación de Pontevedra, a través do programa Practicum Depo, ten permitido desde 2016 que preto de 300 alumnas e alumnos da FP da provincia realicen estadías laborais por toda Europa. O alumnado puido así afondar en aspectos relacionados cos seus estudos, así como achegarse ao mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras. A elas e eles súmanse outros cen estudantes universitarios grazas ao convenio de colaboración coa Universidade para a promoción da mobilidade do seu alumnado con apoio de axudas complementarias aos programas de intercambio internacionais Erasmus+, Erasmus+ Prácticas e bolsas propias de intercambio. A presidenta provincial Carmela Silva destacou "o enorme éxito que está resultando este programa, que se ten convertido nunha aposta máis desta nova Deputación polo fomento do emprego e da formación, sobre todo entre a xente máis nova da provincia".

Durante estes tres cursos, desde o ano 2016, con esta iniciativa do Practicum Depo tamén se teñen beneficiado 32 profesoras e profesores da provincia, que puideron realizar tarefas de "job shadowing", é dicir, visitas a empresas para aprender os métodos e procedementos que realizan noutros países da Unión Europea. Entre alumnado e profesorado, todas e todos completaron a súa formación en países moi diversos, como Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Países Baixos, Finlandia, Alemaña ou Polonia. Prevese ademais a incorporación de novos países como Suecia, Noruega, Dinamarca, Eslovaquia, Chipre ou Francia.

Desde 2016 puxéronse en marcha tres edicións do programa Practicum Depo. Cada unha delas tivo unha duración de 24 meses e o Orzamento total acumulado foi de case 2 millóns de euros. En 2016 movéronse 101 estudantes e 5 docentes, en 2017 81 alumnas e alumnos e 12 docentes, e finalmente en 2018, 105 estudantes e 15 docentes.

As materias nas que teñen traballado as e os beneficiarios do Practicum Depo tamén resultan moi diversas. Entre outras, podemos falar de xestión administrativa e comercial, atención a persoas en situación de dependencia, aproveitamento e conservación do medio natural, instalacións de telecomunicacións, farmacia e parafarmacia, sistemas informáticos e redes, preinmpresión dixital, instalacións eléctricas e automáticas ou navegación.

Ademais de favorecer a mobilidade do alumnado da Formación Profesional, desde a Deputación de Pontevedra tamén se está mellorando e impulsando a mobilidade do estudantado da Universidade de Vigo. "Ante os recortes acometidos polo Goberno de Rajoy no programa Erasmus, que imposibilitaba que moitas alumnas e alumnos da Uvigo puidesen participar, nós apostamos por responder ás demandas da universidade e apoiar completando as achegas para este programa", sinalou a presidenta provincial. 

A Deputación asinou coa Universidade de Vigo un convenio de colaboración para a promoción da mobilidade do seu estudantado con apoio de axudas complementarias aos programas de intercambio internacionais Erasmus+, Erasmus+ Prácticas e bolsas propias de intercambio. Durante o curso 2017-2018, a institución provincial ten investido 100.000 euros para axudar a 100 mozas e mozos, achegando ata 1.000 euros a cada unha ou un, e poidan así completar as súas bolsas para estadías no estranxeiro. Máis polo miúdo, beneficiáronse 80 alumnas e alumnos de Erasmus+, 11 persoas de Erasmus+ Prácticas e 9 estudantes de bolsas propias de intercambio.

En resumo, a través das axudas da Deputación que apoian a mobilidade do estudantado da provincia, ata 400 mozas e mozos da Universidade e de ciclos da FP e máis de 30 profesoras e profesores téñense formado en Europa e teñen realizado as súas primeiras experiencias profesionais na Unión Europea.