Noticias

Preto de 400 persoas participarán desde este xoves ata o domingo no programa da Deputación "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de Salceda, Vigo, Pontevedra, Mos e Ponte Caldelas percorrerán recursos turísticos da provincia


17 xullo 2019
en ruta coa Depo

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana a través do programa "En Ruta coa Depo" cinco novas excursións nas que participarán preto de 400 persoas de cinco concellos da provincia de Pontevedra. En concreto trátase de 378 veciñas e veciños de Salceda, Vigo, Pontevedra, Mos e Ponte Caldelas que percorrerán as comarcas do Morrazo, Deza, Caldas e Vigo.

Máis polo miúdo, xa este xoves, 108 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda visitarán Cangas e Bueu, percorrendo os casos históricos, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home, o Museo Massó e cabo Udra. Xa o sábado, 54 persoas pertencentes a FEAFES Galicia de Vigo realizarán a ruta "Prehistoria e lecer" que permitirá afondar nos restos arqueolóxicos do Monte do Facho ao tempo que visitar Cabo Home e a praia de Melide en Cangas. Tamén o sábado outras 54 persoas da Asociación Cultural Carnavaleros de Pontevedra percorrerán Lalín, onde coñecerán o Centro Castrodeza, o Museo Municipal Ramón María Aller, o pazo de liñares e a Casa do Patrón.

O domingo serán dúas as entidades que visiten diferentes recursos da provincia de Pontevedra. Deste xeito, un grupo de 108 persoas da Asociación de Veciños  San Mamed de Torroso de Mos viaxará ata a comarca de Caldas, coñecendo o conxunto histórico de Caldas e Cuntis, o miradoiro do parque Maráns e Castrolandín. Amais, outras 54 persoas da Asociación de Mujeres Rurales Aires del Norte y Olé de Ponte Caldelas realizarán a ruta marítima pola Illas Cíes, deténdose tamén a descubrir o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo.

O programa "En Ruta coa Depo 2019" oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia.  En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.