Noticias

Príncipe Felipe estrea con éxito o seu novo Plan de autoprotección cun simulacro de incendio

Participaron os servizos de emerxencia da cidade e foron evacuadas máis de 220 persoas do edificio de maternais e da escola infantil


13 xuño 2018
Simulacro Príncipe Felipe

O centro de acollemento Príncipe Felipe viviu esta tarde un simulacro de incendio que serviu como estrea do novo Plan de autoprotección elaborado para as instalacións pola Deputación provincial. Segundo explicou a deputada delegada do centro Eva Vilaverde, a intención era comprobar a capacidade de reacción dos equipos de primeira intervención e avaliar se o novo plan funciona correctamente cando se detecta unha emerxencia. O resultado foi un éxito, xa que as persoas responsables de coordinar a emerxencia actuaron con dilixencia e cumpriuse o tempo de evacuación previsto, sete minutos.

A alarma simulada produciuse ás catro da tarde, cando persoal do centro detectou un ‘lume' na primeira planta do edificio de maternais. Puxéronse entón os medios propios en activo para atallar o incendio, mais o equipo de primeira intervención constatou que era preciso solicitar axuda exterior: deu aviso á xefa de emerxencias do centro para a evacuación das persoas afectadas e pediu medios externos (112 e 080).

Foi entón cando chegaron os servizos de emerxencia. A Policía Local estableceu un perímetro de seguridade para garantir a entrada e traballo de bombeiros e outros dispositivos, e tamén habilitou os desvíos de paso necesarios para vehículos e persoas. Os bombeiros, pola súa parte, destinaron unha dotación ao centro que actuou primeiro buscando a unha persoa que supostamente quedara atrapada, localizándoa e rescatándoa. Despois os efectivos mitigaron e extinguiron o lume, comprobaron que todas as estancias estaban evacuadas, e procederon á ventilación do inmoble ata que a atmosfera foi respirable. Mentres, persoal técnico dunha ambulancia atendía á vítima e Protección Civil realizaba tarefas de soporte.

No simulacro de incendio participaron máis de 220 persoas da cidade infantil, tanto menores, usuarias e usuarios dos centros de acollemento de maternais e da escola infantil, como persoal da quenda de tarde deses centros, da cociña-comedor, e de enfermería, servizos que están no mesmo bloque que o edificio afectado.

A intención deste simulacro, segundo explicaron tanto a deputada Vilaverde como o director do centro, José Ramón Couto, foi valorar o Plan de autoprotección, comprobando se todas as vías de saída previstas estaban en condicións e sen obstáculos, habilitadas segundo os planos, entre outras cuestións. Tamén houbo unha vertente de valorar a capacidade de reacción do persoal encargado das persoas menores que están no centro. "Ao ser a primeira vez que se realizaba unha actividade deste tipo non tiñamos como obxectivo avaliar tempos de evacuación, senón a coordinación do noso posto de mando de emerxencias, pero todo funcionou perfectamente, incluso mellor do previsto", explicou Couto tras manter unha reunión de avaliación cos servizos de emerxencia presentes e persoal da consultora redactora do Plan de autoprotección.

Fotos