A Deputación desenvolverá o seu propio programa de política activa de emprego en 2023

O programa estará dotado con 9,5 millóns de euros e permitirá aos concellos de menos de 50.000 habitantes a contratación de persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese xeral

01/08/2022

A Deputación de Pontevedra convértese nunha das primeiras institucións provinciais do Estado en confirmar a posta en marcha no ano 2023 dun programa propio de Política Activa de Emprego que garante aos concellos de menos de 50.000 habitantes a posibilidade de financiar a contratación de persoal municipal, adiantándose así aos acontecementos e ao cumprimento das novas leis.

Unha das novidades máis importantes da reforma laboral foi a desaparición do contrato por obra ou servizo determinado o que supuxo a dificultade de manter a liña de emprego do Plan Concellos. Consciente desta incidencia, o goberno da Deputación puxo entón mans á obra de inmediato para acadar solucións. De feito, xa a finais de febreiro, mantívose unha reunión telemática cos concellos da provincia aos que se lles trasladou esta alternativa para facer viable a contratación de persoal municipal, solución que foi avalada polo SEPE tres meses despois en nota informativa.

A Deputación adiantouse así ao que logo foi normal xeral para todo o Estado. Desde modo desenvolverá en 2023 o seu propio Programa de Política Activa de Emprego, dotado con 9,5 millóns de euros, para que os concellos pidan realizar contratos ao amparo do disposto na nova disposición adicional novena do Texto Refundido da Lei de Emprego. Esta norma establece que as administracións públicas e, no seu caso, as entidades sen ánimo de lucro poderán realizar contratos para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral no marco dos programas de activación para o emprego cuxa duración non poderá exceder de doce meses.

A norma tamén sinala que para que desenvolvan o seus propios programas de políticas activas de emprego se requirirá informe previo e favorable do servizo público de emprego correspondente, no caso da Deputación o da Xunta de Galicia. Por elo, a Deputación remitiu á Consellería de Promoción do Emprego a autorización para poder poñer en marcha este plan de emprego e con data 1 de agosto chegou o informe favorable á institución provincial. Así, a Consellería, ao través da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, conclúe con que “non existe incompatibilidade co Programa de Activación de Emprego 2023” da Deputación de Pontevedra, por tratarse dunha medida municipal do fomento do emprego, complementaria ás establecidas pola Xunta de Galicia”.

Desta forma, a Deputación de Pontevedra é das primeiras administracións provinciais en poñer en marcha un novo plan de emprego que vai garantir que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan contratar a persoas desempregadas dos seus municipios para a realización de obras e servizos.