A Deputación axiliza o lanzamento das novas edicións do 2023 dos programas “Musigal”, “Depo en Marcha” e “Depo Aventura” na Lanzada

Carmela Silva: “O noso interese e que cada ano todos os programas saian con máis rapidez e por iso estamos a adiantar a tramitación dos do 2023”

04/11/2022

Presidenta

Co obxectivo de axilizar o máximo posible a posta en marcha dos distintos programas que desenvolve para a dinamización da provincia do 2023 e trala recente aprobación dos orzamentos e do Plan Concellos, a Deputación está a adiantar tamén a tramitación destas iniciativas “a fin de que cada ano que saian con máis rapidez”. É o caso, como anunciou hoxe a presidenta Carmela Silva do programa cultural Musigal e os sociaisDepo en Marcha e Depo Aventura na Lanzada, cuxas bases se aprobaron hoxe na Xunta de Goberno.

No caso de Musigal”, aprobáronse as bases para a creación do catálogo de grupos provinciais que posibilita aos concellos de menos de 50.000 habitantes, e particularmente aos de menos de 20.000, desenvolver “concertos de alto nivel que sen esta iniciativa da Deputación non poderían realizar”. A institución provincial faise cargo do caché dos grupos e os concellos asumen a montaxe. Neste 2022 ao abeiro de Musigal programáronse 56 actuacións en 56 municipios.

O programa posibilita aos  grupos que fan música galega e en galego poidan apuntarse neste catálogo, para que despois os concellos poidan solicitar os concertos a desenvolver ao longo do ano. A presidenta provincial incidiu en que este ano o Catálogo reformularase “para convertelo no grande inventario de grupos e artistas profesionais da música galega e en galego”. Deste xeito, ofrecerá información detallada sobre as propostas musicais de cada grupo, currículum, fotografías, os nomes artísticos, as persoas integrantes das distintas formacións, os datos identificativos das persoas representantes, información das páxinas web do grupo ou ligazóns as súas principais redes sociais. “Deste xeito –engadiu Carmela Silva- non só os concellos, senón todas as persoas poderán ter información axeitada sobre estes grandes grupos galegos”. A inscrición no catálogo poderá realizarse entre o 15 novembro e o 1 de decembro e, unha vez elaborado, os concellos poderán comezar as súas solicitudes de concertos.

No que atinxe a Depo en Marcha”, aprobáronse as bases deste programa, que ten como obxectivo favorecer o envellecemento activo das persoas maiores a través de obradoiros, formativos e de lecer, “que son tamén espazos de encontro e intercambio de experiencias e que nacen para fomentar que a xente maior poida ter espazos para relacionarse e tamén acceso a forma non regrada”. No 2023 ofertaranse un total de 130 obradoiros cunha participación estimada de máis de 3.000 persoas maiores.

A presidenta destacou de xeito especial que neste ano desenvolvéronse por vez primeira e con grande éxito por talleres sobre habilidades dixitais, dos que se solicitaron ata 23 cursos. “Con isto perseguiamos rachar coa fenda dixital que dunha forma moi particular sofren as persoas maiores -explicou, que veñen dunha cultura analóxica, e agora teñen que relacionarse de forma dixital con administracións de todo tipo de actuacións, coa banca, e distintos  organismo e non teñen coñecementos. A través destes cursos formámolos para rachar con esa fenda dixital e no 2023 votarán a aparecer no conxunto dos obradoiros”.

Tamén se aprobaron as bases dos campamentos para nenos e nenas de Depo Aventura” na Lanzada 2023, un dos programas da mocidade que maior demanda ten “e que sempre conta cunha longa lista de agrada, porque hai que dicir que se desenvolve no lugar máis fermoso de Galicia; non hai un campamento coma este, e amais é moi especial pola multitude de actividades que ofrece de todo tipo”. Os campamentos estarán abertos a un máximo de 1.540 menores e terán lugar entre o 25 de xuño e o 9 de setembro, nun total de 11 quendas semanais nas que participarán 140 nenas e nenos (70 nenos e 70 nenas) durante 7 días (de domingo a sábado). A actividade estará aberta a nenas e nenos nados entre os anos 2010 e 2015 (ambos incluídos) e empadroados/as na provincia de Pontevedra. As prazas serán adxudicadas, como en anos anteriores,  por sorteo e haberá lista de agarda.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.