Noticias

Raúl Jiménez aposta pola innovación como motor de cambio no sector turístico e a creación de contidos virais para fidelizar e atraer á clientela

O fundador da plataforma turística Minube abordou as vantaxes e inconvenientes de emprender nunha industria turística dominada polas novas tecnoloxías


24 outubro 2018
Raúl Jiménez Minube

O fundador e CEO da plataforma turística Minube, Raúl Jiménez, protagonizou un dos relatorios da primeira xornada sobre o "Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico", organizada pola Deputación de Pontevedra no castelo de Soutomaior. O poñente centrou a súa conferencia na innovación como o motor do cambio nesta industria e abordou as vantaxes e inconvenientes ás que se teñen que enfrontar as empresas turísticas nun mundo dominado polas novas tecnoloxías.

"No sector turístico a transformación dixital está xerando moitas oportunidades", explicou Jiménez para, a continuación, explicar o nacemento de Minube. Esta empresa, fundada en 2007 e que recibe 67 millóns de visitas cada ano, xurdiu da idea de "capitalizar o que é unha viaxe". Para poder fundala, Jiménez explicou que tiveron que escoller entre "copiar outras ideas de negocio ou innovar". "Escollemos a innovación pero quero recordar que é un proceso lento, no que tivemos que correr moito no mercado local. Esa decisión non foi sinxela pero decidimos seguir as nosas propias motivacións", afirmou o emprendedor.

O poñente tamén advertiu de que as empresas da industria teñen que atender aos cambios que se están a producir nos procesos de compra. "Estase a producir un salto radical neste sector porque a xente demanda contidos. Aquí, en Galicia, tendes un enorme potencial para vender o destino doutra maneira que non sexa mediante uns prezos baixos. As fotografías e os vídeos poden contar historias que se convertan no verdadeiro reclamo turístico desta terra", explicou Jiménez.

Ademais, ao longo da súa conferencia, o poñente tamén abordou outras cuestións; por exemplo, animou ás persoas asistentes á xornada a romper as regras e a probar diferentes modelos de negocio e a non desistir ante as dificultades que se poden poñer no camiño cando se aposta por levar adiante unha empresa. "Non vos frustredes, hai que probar. De feito, o éxito vai requirir que os primeiros meses non sexa rendible que as traballadoras e traballadores cobren", afirmou Jiménez.

Despois dos consellos, o fundador de Minube pasou a analizar os problemas aos que se adoitan enfrontar as persoas emprendedoras do sector turístico. En primeiro lugar, a imposibilidade de crear contidos sobre os máis de 50.000 destinos que hai en todo o mundo. "Por iso, desde Minube apostamos por crear unha comunidade entre as persoas usuarias e en apostar polos contidos virais", indicou Jiménez. En segundo lugar, o foco púxose na necesidade de coñecer mellor á clientela. "Precisamos ter máis coñecemento das viaxeiras e viaxeiros para poder personalizar a súa experiencia. Nas recomendacións que lles fagas, fainas só con cousas que lles poidan interesar", remarcou o fundador de Minube. Ao final do seu relatorio, tamén fixo fincapé na necesidade de afianzar a clientela. "Sobre todo no sector do turismo, no que as persoas só viaxan entre unha e dúas veces no ano", concluíu.

Na xornada tamén se trataron outras cuestións nas mesas redondas programadas ao longo da mañá. A primeira, titulada "Mellora da experiencia do visitante e fidelización de turistas", estivo protagonizada por tres emprendedores: o fundador de Partee, Víctor Longo; o de Pumpún Dixital, Chiú Longuina; e o de Xoia Software Development, Xoel Vázquez. Na segunda, sobre o "Impacto das TIC no sector turístico", participaron o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; a responsable de márketing e relacións públicas en Tee Travel, Mariña Vázquez; e a CEO de Volta Montana, Cristina Collazo.

Galería de fotos

Fotos