A Deputación e Culturgal redobran a súa alianza na estratexia de visibilizar a revolución cultural que vive Galicia

A presidenta, Carmela Silva, recibiu no Pazo Provincial, á nova directora da feira, Eva Alonso, nun acto no que ambas puxeron en valor o papel das mulleres en todos os eidos

14/09/2022

A Deputación e Culturgal

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu hoxe no Pazo Provincial á nova directora de Culturgal, Eva Alonso, á que trasladou o apoio incondicional da institución a esta feira que desde o ano 2007 amosa desde a cidade do Lérez o potencial do sector cultural galego. Carmela Silva defendeu que Culturgal “visibiliza a gran revolución cultural” que vive a comunidade “e desde logo esta provincia”, da que a feira “é un importante sinal de identidade”.

A presidenta provincial avogou xunto á Eva Alonso por seguir a poñer en valor o papel das mulleres e na necesidade de que ocupen espazos de dirección en todo tipo de institucións, “en todos os eidos e tamén na cultura”. De feito, ambas as dúas dirixentes abordaron neste primeiro encontro a intención de estudar o desenvolvemento de accións de promoción da igualdade na feira, que volverá a celebrarse en Pontevedra do 25 ao 27 de novembro. Amais, a nova directora, produtora de profesión e cunha ampla traxectoria nas artes escénicas e no audiovisual desde hai dúas décadas, subliñou que o Culturgal conta agora con mulleres na xefatura dos distintos equipos da feira.

Carmela Silva trasladou a Eva Alonso que a Deputación de Pontevedra seguirá a manter “a gran aposta” por este evento coa presenza e participación na programación desenvolvida, no marco da estreita colaboración que vén mantendo coa organización desta feira.

Ligazóns de interese