Noticias

Récord de inscritos na subida de Ponte Caldelas, a proba de referencia do calendario Galego de Montaña

A proba, que terá lugar esta fin de semana os días 3 e 4 de agosto, conta nesta cuarta edición con 83 pilotos inscritos, 11 deles de Ponte Caldelas.


01 agosto 2019
Ponte Caldelas
Subida Ponte Caldelas

Récord no número de inscritos da IV edición da subida de Ponte Caldelas. Unha cita que se está convertendo na proba de referencia do calendario Galego de Montaña. 83 pilotos participarán nesta subida organizada por Buxa Motor en colaboración co concello de Ponte Caldelas. Dos 83 inscritos, 11 son pilotos locais, cabe salientar que o concello de Ponte Caldelas faise cargo dos custes da inscrición de cada un deles.

Tanto dende a organización como o alcalde de Ponte Caldelas convidan a todo o mundo a participar nesta cita que terá lugar esta fin de semana, os días 3 e 4 de agosto.Iso sí, Andrés Díaz insiste na necesidade de que "se respecten as normas de seguridade en todo o trazado" co fin de poder desfrutar desta subida que chegará esta fin de semana a Ponte  Caldelas.

As obras que se realizarán na estrada de Laxoso fan que o percorrido desta edición continúe celebrándose polo vial de Rebordelo. O trazado neste 2019 será un pouco inferior que o do ano pasad, co fin de rematar a proba  nunha recta e non en tramo curvo, como na anterior edición. Deste modo neste 2019 a proba contará cun trazado de 3,8 kilómetros. A saída, será un ano máis, na estrada autonómica PO-244, sentido Soutomaior, para continuar pola PO-103, dirección Rebordelo.

Un percorrido que combina curvas moi pechadas con outras rápidas, ademais da longa recta de Rebordelo, onde, unha vez máis, se instalará unha "chicane", un recurso que ten como fin potenciar o espectáculo e reducir a velocidade na zona son algúns dos atractivos para os pilotos. A de Ponte  Caldelas é a única proba no calendario onde se inclúe este elemento tan automobilísitico.

Como novidade neste ano, o CEIP Manuel Cordo Boullosa será o espazo onde terán lugar as verificacións administrativas e técnicas dos competidores, que, a continuación, levarán o seu coche ao parque pechado instalado, na Alameda de Ponte Caldelas. Na contorna da Praza de España poderemos ver ademais os mellores coches desta cuarta edición.

Esta proba, puntuable para o Campionato Galego de Montaña, comezará o sábado 3 de agosto ás 15.00 horas e o domingo ás 9.00. Tanto dende a organización como dende o Concello agardan que participen moitos veciños de Ponte Caldelas e doutros puntos da xeografía galega, xa que como di o alcalde, Andrés Díaz, "o espectáculo está garantido".

Dende o concello cortarán o tráfico entre a rotonda de Pazos e saída da estrada vella do Balneario. O cruce do Balneario será ademais de dobre sentido co fin de garantir a entrada no pobo ao longo dos días da competición.