Recta final da transformación histórica do barrio do Espadenal en Cuntis financiada ao abeiro do Reacpon

A presidenta Carmela Silva e o alcalde Manuel Campos visitaron as obras nas rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González, practicamente rematadas, “tras 20 anos sen tocarse”

12/12/2022

obras Cuntis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este luns e acompañada do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, as avanzadas obras de reordenación das rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González, coñecidas como o barrio do Espadenal, financiadas ao abeiro do plan ReacPon. A actuación obtivo preto de medio millón de euros de financiamento provincial (496.933,38 € dun orzamento total de 578.417,76 €) e permite arranxar a falta de adecuación destas rúas céntricas e moi concorridas (na súa contorna sitúanse o centro de saúde e o auditorio municipal) ás necesidades actuais para adaptalas aos servizos do século XXI tras 20 anos sen actuarse nelas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou que “esta obra non trata só de recuperación de espazo público, que tamén, senón que ademais permite afrontar as necesidades de saneamento e abastecemento deste barrio”. A presidenta lembrou que “Cuntis amosa o seu compromiso co cambio climático, cunha iluminación que aforra enerxía, e dota este espazo –dos máis densamente poboados da vila– de servizos e dereitos”. Neste senso, destacou o parque infantil “nun barrio onde viven moitos nenos e nenas” e puxo o foco en que “toda a xente debe poder ter servizos e dereitos viva onde viva”.

As obras do ReacPon están a piques de rematar e son, ao seu xuízo, “unha mostra máis do importante cambio que está tendo Cuntis”. A presidenta asegurou estar “contenta de ver como os concellos se transforman, cambian e están moito máis fermosos. Cuntis é un exemplo de dotar as súas veciñas e veciños de moita máis calidade de vida”.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, agradeceu a Deputación “por poder acometer esta obra grazas ao ReacPon” pero tamén “por todos os investimentos que levamos feitos nestes anos grazas ao Plan Concellos e outros programas como o DepoRemse que nos permiten mellorar a vida en Cuntis e mudar a súa fisionomía tanto no centro urbano como no rural”. O rexedor municipal puxo en valor que o ReacPon permite actuar “nun barrio que se levaba sen tocar máis de 20 anos, para pasar de ter unhas rúas envellecidas a unhas rúas modernas”, e salientou actuacións como “a dotación dunha plataforma única, coa que a mobilidade peonil será moitísimo máis segura e amable nunha zona onde se concentra moita xente por mor das dotacións que se atopan nela”. Unha transformación “total” e “un antes e un despois”, concluíu, “para que as persoas sexan as protagonistas”.

Grazas ás obras financiadas a través do ReacPon en Cuntis, incrementaranse nun 50% os espazos amables e de calidade para as persoas, en total sintonía cos valores da Axenda 2030 e do modelo que a Deputación de Pontevedra vén implantando desde 2015 na súa rede viaria –e impulsando nos espazos públicos municipais–. Renóvanse a pavimentación, o parque infantil, con nova iluminación e pavimento de seguridade, mailos aparatos biosaudables no espazos que rodea a pista de xogos. Ademais, amplíanse os espazos de circulación e estancia peonil, cunha mellora da accesibilidade aos equipamentos e infraestruturas da vila. A velocidade de circulación rodada redúcese en todo o ámbito dos 30 quilómetros por hora actuais aos 20 km/h.

Nas rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González tamén se melloran os servizos urbanos para mellorar a sostibilidade no uso da auga, evitando o seu desperdicio e controlando a evacuación de vertidos. Neste sentido, renóvanse as redes de augas fecais, pluviais e de auga potable. Tamén se instalan novos elementos de sinalización, como marcas viarias reflexivas brancas e sinais luminosos para os pasos peonís, unha nova rede de alumeado máis eficiente que reforza a iluminación nestes pasos peonís mailo parque, e novos elementos de mobiliario urbano como papeleiras, bancos e mesmo un banco con carga de teléfonos móbiles alimentado con enerxía solar. Deste xeito, soluciónanse os problemas na rede de auga potable (problemas de rotura ou cortes no subministro) e na rede de augas fecais e pluviais (que non contan coa condución nin a evacuación axeitadas). Ademais, os equipamentos públicos e deportivos da zona estaban en desuso e precisaban unha dinamización.

A Deputación garante a transformación de Cuntis

Grazas aos fondos dos diversos plans e programas da Deputación de Pontevedra, Cuntis está a vivir unha auténtica revolución transformadora. O balance desde 2015, de feito, é histórico, con preto de 8 millóns de euros da Deputación investidos no Concello. Á marxe da actuación financiada no ReacPon, Cuntis tamén se beneficiou recentemente de diversos proxectos nas infraestruturas provinciais que permitiron mellorar a EP-8405 Portela-Couselo (94.924,18 €) e a EP-8402 Cuntis-Cequeril ao seu paso pola rúa da Palma (603.930,72€, en execución).

Ademais, grazas ao Plan Concellos, Cuntis puido facer fronte a importantes actuacións como a reparación de vías deterioradas polo temporal de 2021 (149.950,97 €), a mellora do saneamento no lugar da Casiña (43.038,61 €), a mellora dos edificios municipais (27.999,99 €), obras de saneamento en Teaño (20.000 €), dotación dun equipamento de gravación dos Plenos municipais (11.331,65 €), a renovación do equipamento informático (15.567.86 €), melloras na rúa do Convento, de titularidade autonómica pero asumidas polo concello (neste caso grazas á liña 3 de contratación de persoal), así como as obras no camiño de San Mamede de Piñeiro incluídas no plan marco municipal (11.654 €).

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.