O multiusos da Xunqueira de Redondela reivindica a eliminación da violencia machista cun excepcional mural da artista Elisa Capdevila

A obra está enmarcada o programa “Violencia Zero” e transmite á veciñanza a situación de autoaillamento na que se sumen as mulleres que padecen esta lacra

21/06/2022

Fondos IDAE

A fachada lateral do Multiusos da Xunqueira de Redondela convértese desde hoxe nun lugar de reivindicación a prol da eliminación da violencia machista mediante un excepcional mural realizado pola artista Elisa Capdevila ao que se achegaron esta tarde a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañadas das deputadas Olga García e Noemí Outeda, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa. Ao abeiro do programa da Deputación “Violencia Zero”, a obra transmite o autoillamento no que as mulleres se sumen cando sofren violencia machista a través da figura dunha muller que, sumida nos seus pensamentos, non é capaz de descansar por mor dos sentimentos que afloran no seu interior ao atoparse nesta situación.

Carmela Silva expresou a “rabia e impotencia” que sente con cada novo caso de violencia machista. “Este ano xa son 21 as mulleres asasinadas por esta lacra, as últimas dúas onte mesmo en Madrid. Mulleres que en moitas ocasións, como reflicte este mural, ocultan na súa soidade os danos que padecen”. Tamén gabou a obra de Elisa Capdevila, “que transmite sentimentos moi potentes”, a quen agradeceu o seu traballo. “Este mural, sinalou a presidenta provincial, recordará ás persoas que se acheguen ao Multiusos da Xunqueira e a importancia de tender as nosas mans ás vítimas de violencia machista para axudalas a saír do illamento que sofren. Xuntas e xuntos debemos construír unha sociedade mellor”.

As palabras de Carmela Silva foron secundadas por Digna Rivas, quen deu “mil gracias” á Deputación por levar o programa “Violencia Zero” ao espazo público de Redondela. Neste senso, a alcaldesa deu valor “a todo o que transmite este mural, que fará reflexionar ás persoas sobre un tema tan transcendental como é a violencia machista. Por este motivo -continuou- consideramos importante que o mural estivese nun lugar céntrico do concello para darlle a maior visibilidade posible como é o Multiusos que hoxe adquire un novo significado”. Digna Rivas tamén tivo palabras de agradecemento para Elisa Capdevila, “é todo un luxo contar coa túa arte”.

O mural está envolta nunha atmosfera de cor azul que fai énfase na sensación de tristeza que transmite o rostro da muller, así como o resto da escena. Este pesar, como explicou a autora, está motivado pola acción doutra persoa, que se atopa ausente na obra de xeito directo pero que é a causante da doenza que sofre a protagonista da obra. Quen exerce a violencia machista si que está presente de forma figurada, posto que Elisa Capdevila deixou un espazo baleiro na cama na que se atopa a muller e ao que ela lle dá as costas. Para realizar a peza a artista levou a cabo un proceso creativo con pintura plástica de exterior no que se valeu de brochas e dun guindastre para realizar a peza.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis e As Neves, a de Redondela é a décimo terceira acción da VII edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación continúa a expandir a loita feminista noutros 12 concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, o programa continuará visibilizando o talento das mulleres e o seu poder transformador contra a violencia sobre as mulleres con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en A Guarda, Fornelos, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imaxes

videos