Noticias

Regueifa, música e teatro centran a gala coa que remata o Ano do Patrimonio

Terá lugar o sábado 16 de decembro ás 20 horas no Auditorio de Cangas e a entrada será de balde previa retirada de convite


16 novembro 2017
Gana Ano Patimonio

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, fixo público esta mañá o cartel da Gala do Ano do Patrimonio que se celebrará o vindeiro mes de decembro. Para esta presentación contou coa presenza do autor do deseño, o viñetista Luis Davila, que foi debuxando o cartel en directo para os medios de comunicación durante toda a presentación. O propio autor explicou ao remate que a súa intención foi "darlle un aspecto festivo, porque estamos falando dunha gala, introducir un elemento mariñeiro como é a dorna, con todos os tripulantes de esmorga, con música e con viño a bordo, percorrendo a Costa da Vela e co Monte do Facho ao fondo, en referencia ao lugar onde se vai celebrar o evento". A aposta por Davila como autor do deseño desta edición obedece, segundo explicou Xosé Leal, a que "o ano pasado iniciamos un camiño con ReiZentolo, co deseño do cartel da Gala do Ano do Patrimonio, que agora continuamos con Davila para poñer en valor os debuxantes que temos na provincia, porque neste eido somos unha potencia e tamén forman parte do noso patrimonio cultural."

A gala, que estará presentada pola actriz Isabel Risco, contemplará actuacións de regueifa, teatro e música relacionadas con diferentes aspectos patrimoniais. Leal explicou que en consonancia co realizado ao longo do ano, e en relación coa exposición de embarcacións tradicionais que incluía un espectáculo de música e narración oral a cargo de Xurxo Souto, este músico volverá a formar parte do elenco de artistas, se ben nesta ocasión actuará coa Coral Polifónica de Bueu e coa canción mariñeira como protagonista. Tamén no eido musical destacan o grupo Pelepau, unha formación que actualiza a tradición musical galega, e Xosé Manuel Budiño con Mercedes Peón como artista convidada. Sobe a escolla de Xosé Manuel Budiño, o deputado nacionalista indicou que "se trata dun espectáculo que xa tivemos por algunhas comarcas e que nos parece importante incluír por cumprirse este ano o 20 aniversario do seu traballo Paralaia que marcou todo un fito na música tradicional galega". Ademais da música, as artes escénicas tamén terán un papel destacado. As actuacións correrán a cargo de Teatro de Ningures que realizará unha pequena montaxe correspondente ao seu espectáculo baseado no desembarco turco; e de Rebeca Santos e compañía, cun espectáculo de altura que tomará como punto de referencia as lendas relacionadas co Monte do Facho. E por último, o cartel tamén inclúe dúas parellas de regueifeiros e regueifeiras que "cumpre a dobre función de recuperación da nosa tradición e de reivindicación e defensa da nosa lingua" afirmou Xosé Leal. Ao igual que na pasada edición, tamén se habilitará un espazo infantil que correrá a cargo de Polo correo do vento, que realizará un contacontos e un obradoiro de debuxo ao redor da figura de Maruja Mallo, artista á que se lle dedicou este ano o Día das Artes Galegas.

O deputado de Cultura e Lingua asegurou que "esta gala está deseñada para dar cabida a todo o labor que realizamos ao longo do ano e por todos os concellos da provincia, cunha representación das actividades e das temáticas que traballamos relacionadas co patrimonio". Leal tamén fixo referencia na data escollida para esta presentación indicando que "hoxe que conmemoramos o Día Internacional do Patrimonio pareceunos o mellor día para presentar este cartel." Sobre o deseño e o elenco de artistas tamén incidiu en que "tivemos en conta a paridade de xénero, posto que entre os obxectivos do Goberno provincial están os de fomentar a igualdade e o de fomentar o uso da lingua galega". Neste aspecto lembrou que Davila "é un debuxante que xa habitualmente inclúe a figura da muller dun xeito moi relevante nas súas viñetas".

Por último tamén explicou que a escolla de Cangas como lugar de celebración da gala responde "á liña de traballo que levamos a cabo na Deputación de descentralizar os actos principais e realizalos en diferentes puntos da provincia". Así, cóntase coa colaboración do Concello de Cangas, que cede o Auditorio Municipal, con máis de 600 butacas e que conta coas condicións técnicas axeitadas para o desenvolvemento do espectáculo. Ademais da gala, tamén se incluirá un concerto de Os Modernos no marco do programa "Música nos palcos", co que se trata de recuperar a importancia dos palcos da música nas vilas galegas e o seu valor como elemento patrimonial. O concerto de Os Modernos terá lugar ás 12:30 horas no palco da música que está no centro urbano de Cangas. A retirada de convites para asistir á Gala do Patrimonio poderá realizarse a partir do 1 de decembro.

Fotos


Novas relacionadas

Cangas

07 decembro 2017, gala, año del patrimonio, ano patrimonio